Como dicilo?

Raxo

raxo

Ben sabemos que o galego procede do latín: a súa fonética, a súa morfoloxía, o seu léxico e a súa sintaxe condicionaron os nosos. As nosas palabras son evolución das latinas (clásicas, é dicir antigas, ou serodias, da época tardía) e normalmente esa evolución fíxose ao través de varios séculos, modificándose na boca das persoas  segundo unhas tendencias ou leis fonéticas. É a vía popular; así de vīnum temos viño, de capĭtĭa cabeza e de factu feito. Ora ben, ás veces no decurso dese tempo aparece unha palabra sen rematar de evoluir, que se fixa nese estadio: é o semicultismo, que non lle impide ao termo popular seguir evoluíndo (como o semicultismo caravilla fronte a chavella). E outras veces, xa cando apareceu plenamente a lingua romance, tírase do latín unha nova palabra independentemente das leis que seguiría a vía popular xa rematada (cátedra fronte a cadeira).

Da palabra latina rădiu temos os tres casos: via popular raxo, via semiculta raio e vía culta radio. O raxo en galego é unha tira de carne do lombo do porco (ou algún outro animal) e tamén o nome dos tentáculos do polbo. O raio é un feixe de luz ou unha descarga eléctrica no ceo. E o radio o nome dun óso do brazo ou o dun elemento químico, e se é feminino, a radio, é unha abreviación da palabra radiodifusión (e tamén de radiografía)

Raxo tamén o empregamos como eufemismo para non dicirmos raio (Raxo de rapaz! Malo raxo te fenda!) e del deriva a raxeira, o raio do sol, a caloriña (Gústame sentarme á raxeira).

Por certo que anterior a raio é raia, e en galego é máis tradicional a raíña do sol ou a raioliña. E o verbo arraiar (o sol) é ‘abrir o día’. Raia tamén é ‘liña’ (fundamentalmente recta) e de aí o significado de ‘fronteira’, a raia sinalada no mapa.

Fonéticamente próximo a raxo (aínda que nin pola significación nin pola orixe teña nada que ver) é o verbo rachar ‘esgazar, fender’ (ollo, raxar é castelanismo !) que dá lugar a unha locución que dicimos ás veces para sinalar que imos facer un derradeiro intento á desesesperada: Ou vai ou racha!

E as rachas, ou achas son fragmentos de pedra ou de madeira que se desprenden e saltan ao fender aquela. Isto lévanos á expresión facer achas ou facer rachas, é dicir, ‘triunfar, ser o amo, quedar moi por riba dos outros’. (Foi á festa e fixo achas)

Equivalente a ela é a locución facer maghas, o que nos leva de volta ao polbo. Dise que as partes do polbo son os raxos e a capeleira, a cabeza. E dentro ten o maghorro, que se lle tira e non se come. Son as maghas ou tripas que atopamos na expresión xa citada e no verbo esmagar (‘tirar as maghas’). Facer maghas é, como se dixeramos,‘esmagar, pisar aos demais, quedar por riba deles’.
 

Comentarios