Raquel Martínez e Iria Estévez, estudantes: "Hoxe hai famosos, mais non referentes tan chaves e potentes como había nas Irmandades"

No IES Johan Carballeira de Bueu, malia as condicións da pandemia, celebraron en 2020 o centenario da revista Nós. Desde o departamento de galego, que dirixe a profesora Lucía Durán, quixeron recrear nunha obra colectiva entre varios cursos  como sería a portada se se fixese hoxe en día. Dúas alumnas que participaron na experiencia, Raquel Martínez Badea (4º ESO) e Iria Estévez Juncal (1º Bacharelato) explican como se realizou e as conclusións que sacaron.
Iria Estévez (enriba á esquerda), Lucía Durán (enriba á dereita) e Raquel Martínez (segunda pola dereita). (Nós Diario)
photo_camera Iria Estévez (enriba á esquerda), Lucía Durán (enriba á dereita) e Raquel Martínez (segunda pola dereita). (Foto: Nós Diario)

Como xurdiu o proxecto de actualizar a portada da revista Nós?

A idea xurdiu para conmemorar, dentro das limitacións que temos, unha data tan importante como é o centenario do primeiro número da revista Nós. Creamos un concurso de acrósticos onde tiña que aparecer, polo menos, a palabra ‘Nós’, mais a recreación da portada como somos nós cen anos despois. A profesora de debuxo, María Xosé Ares, dividiu a portada en cadros e cada curso tivo que recrear a profesión ou un símbolo dos que alí aparecían.

Que elementos contemporáneos aparecen?

Fixemos primeiro, coa titora, unha posta en común dos traballos que se continúan exercendo hoxe en día na Galiza. Pensamos nos oficios do mar e ademais quixemos dar protagonismo á muller, polo que nos decidimos por unha mariscadora. No caso de primeiro de Bacharelato decidimos levar un símbolo polo 8 de marzo. Optamos por facer un mundo pintado de cores coa icona feminista e quitamos o cáliz da igrexa que aparecía antes.

Quixemos pór outro símbolo máis actual. En FP básica decidiron mudar os monstros que aparecen na portada orixinal e transformalos no coronavirus e na aula virtual. Para nós o ensino a distancia é o monstro ameazante que agora temos. Outros grupos fixeron unha mariñeira estilo manga, unha astronauta e unha sanitaria. Na parte inferior mudamos os dous músicos do século anterior por dúas máis actualizadas.

E, por suposto, mudamos o Nós coa caligrafía de Castelao polo Nós do voso xornal, por ser un novo Nós que existe cen anos despois afortunadamente.

Que coñecían da Xeración das Irmandades antes de facer este traballo?

Sabiamos que era un grupo moi importante que loitaba por dar a coñecer a Galiza por todo o mundo. Sobre todo a nosa lingua, o galego, que quixeron levar ás publicacións.

Pasado o ano Nós, que concepto teñen desa xeración?

Conseguíronse moitas cousas. Agora estúdase nas escolas e hai unha normativa. Foi moi relevante. Da mesma maneira que para a muller, que pasou a ter outra dignificación.

Daquela a revista era o medio para espallar a cultura. Cal é hoxe o voso referente informativo?  

Agora mesmo teñen moito peso as redes sociais e moita incidencia nas nosas vidas. Daquela non había moitos medios de comunicación e guiábanse por xornais e revistas. Agora temos acceso a internet e ás redes sociais. Seguimos mirando xornais e revistas, mais é certo que gardan moita relevancia Instagram ou Twitter.

Pensan que existe unha Xeración das Irmandades neste século XXI?

Famosos hai, mais culturalmente non hai referentes tan chaves, importantes e potentes como había nesa xeración.

Logo o futuro pensan que está tan difícil?

Cremos que todo é loitar. Estamos porque non se perda a cultura galega. A xeración que lanzou a revista Nós pelexou con moitas dificultades e sería unha mágoa que se perdese agora. Pensamos que ten que haber máis difusión da cultura galega. Unha parte do problema é que a metade da nosa xeración non herda ese legado, non lle dan tanta relevancia á cultura propia e pérdese. Nós seguiremos loitando.  

Comentarios