Análise

Ramón Villares e a imposición da lingua

O catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, académico correspondente da Real Academia Galega (RAG) e membro de ProLingua Xosé-Henrique Costas reflexiona ao redor das declaracións de Ramón Villares, académico de número da RAG, en relación á lingua galega, ao considerar que “os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”. Unhas palabras que chegaron aos días de facerse público o estudo da Academia que evidencia a incompetencia lingüística do alumnado de 4º da ESO.
O historiador Ramón Villares, retratado en 2010, foi presidente do Consello da Cultura Galega e é académico de número da RAG. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera O historiador Ramón Villares, retratado en 2010, foi presidente do Consello da Cultura Galega e é académico de número da RAG. (Foto: Eduardo Castro Bal)

O sábado 8 de maio lemos en Sermos Galiza unha entrevista co presidente da RAG, Vítor Freixanes. Nela valoraba os resultados dun traballo do Seminario de Sociolingüística da RAG segundo o cal un 35% dos rapaces e rapazas de 4º da ESO en Galicia carecen de competencia en lingua galega, de xeito que se conculcaba así gravemente o artigo 14 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 que indica que ao final do ensino obrigatorio tería que estar garantida a igualdade de competencia entre os dous idiomas oficiais.

Axiña saíron os responsables desta desfeita calculada, o secretario xeral de Política Lingüística e o conselleiro de Educación, reafirmándose na mesma mentira que levan repetindo 10 anos sen achegaren un só dato que a sustente (art. 14.4.5. do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia): que os rapaces galegos saben galego e son libres para usalo, cando calquera que estea en contacto co ensino sabe que isto é rotundamente falso; nin todos saben nin todos son libres para usalo, e moitos deles non o saben falar ou non teñen costume de falalo. Os datos estatísticos din sempre que o alumnado que parte do galego ten competencia nas dúas linguas pero o que parte do castelán non, e que a socialización escolar dos nosos nenos é practicamente sempre en castelán. Ao rego destes datos, manifestaba o presidente da RAG que “a política lingüística non está funcionando.

É precisa unha autocrítica e unha reflexión sobre como cambiar no futuro”.

Ideoloxemas negacionistas

Porén, o presidente Freixanes partía nesta análise dunha premisa errada, a de que todo o mundo está a favor da lingua e hai que consensuar para solucionalo. Non. Non todo o mundo está a favor da lingua. Hai negacionistas moi poderosos en contra, tanto nos media e no ensino coma no goberno. Para estes, adoptar medidas lexislativas a favor do galego é impoñelo (e sabido é que o castelán non se impón, porque de seu é natural, divino, por iso temos o deber de coñecelo e máis de seiscentas disposicións legais que o esixen en exclusiva) e normalizar o galego no ensino é adoutrinamento nacionalista.

Estes ideoloxemas negacionistas viñámolos escoitando desde a FAES e o PP madrileño e os seus medios “nacionais” e “autonómicos”, e todo ben canalizado por Galicia Bilingüe/Hablemos Español (tanto monta). Estes ideoloxemas de “gallego = nacionalismo periférico” ou de “no a la imposición del gallego” pertencían ao discurso exclusivo da ultradereita españolista que nunca se avirá a equilibrar, rehabilitar ou normalizar os usos sociais do galego, como moito a “dinamizalo” etereamente, o que na práctica significa consideralo como folklore aséptico, insípido, inocente e anxelical.

As declaracións de Villares semellan feitas para agradar a Xunta e xustificar as súas políticas contra o galego durante os últimos dez anos

Concordamos co presidente da RAG en que a Xunta defende a súa política (calculadamente lingüicida, á vista dos resultados) e que a RAG non é responsable da política da Xunta. Evidentemente. Mais todo falante consciente agarda que a RAG o defenda -tal como establecen os seus estatutos- e non contemporice tanto coa Xunta: art. 1 dos Estatutos da RAG: “...e especialmente a defensa e promoción do idioma galego...”; art. 2.1.c) Velar polos dereitos do idioma galego; art. 2.1.d) Defender e promover o idioma galego etc. 

Di o presidente Freixanes que é o momento de revisar o Decreto 79/2010 por ser claramente insuficiente. As reflexións sobre o fracaso do modelo lingüístico da Xunta están feitas por todo o mundo, as medidas correctivas lévallas suxerindo o Consello de Europa desde hai unha década sen que a Xunta se movese un milímetro da súa decisión de exterminar o galego como lingua viva na infancia, na mocidade e para o futuro.

“Connotación política”

Ao día seguinte das declaracións de Freixanes, o domingo 9 de maio, bourábanos o Faro de Vigo cunhas declaracións abraiantes, incertas e inxustificables do académico Ramón Villares, historiador de prestixio que foi reitor da USC e presidente do Consello da Cultura: “Os rapaces deixan de falar galego pola connotación política que ten”. Abraiados por esta boutade, entramos a debullar a longa entrevista de onde se tiraba tal afirmación porque non o dabamos crido. Mais alí estaban esas palabras. E aínda máis: ao final da entrevista manifestaba tamén que “o galego non se pode impoñer con decretos”. En boca de Ramón Villares aparecían os dous ideoloxemas históricos típicos do negacionismo españolista contra a rehabilitación ou restauración da lingua galega.     

É consciente Ramón Villares do dano que lle fixo ao idioma con estas declaracións súas? Se non foi consciente, é frustrante que non se informe antes da triste realidade do ensino no noso país e dos exitosos modelos escolares de socialización e recuperación lingüística que funcionan noutras partes de Europa. Se foi consciente do que dixo, estas declaracións semellan feitas para agradar a Xunta e xustificar as súas políticas contra o galego durante os últimos dez anos. De feito, esta semana no Parlamento o conselleiro de Educación aludiu varias veces ás “sabias palabras do intelectual Ramón Villares” para xustificar ante a oposición esa catastrófica política lingüística no ensino que fai semilingües o 35% dos rapaces. Foi consciente Ramón Villares do lavado de cara que lle quixo facer á Xunta de Núnez Feixoo xusto despois dos datos terribles sobre a incompetencia lingüística do alumnado? Poida que leve razón David Rodríguez cando di que Villares lle botou un cabo á Xunta xusto despois da publicación do Informe da RAG sobre a competencia en galego dun terzo do alumnado de 4º da ESO. 

En Vigo, de 150 centros escolares, só hai un que use equilibradamente o galego

Que idea de connotacións políticas teñen os miles de nenos e nenas que aínda hoxe son condicionados/coaccionados ambientalmente na escola para abandonaren o galego mercé ás políticas educativas do PP e á total ausencia de oferta educativa en galego? Eu criei tres fillos en dúas cidades do sur, e todos tres abandonaron o galego no primeiro ano de escola, e non por gusto nin por connotacións políticas, senón por presión/opresión/represión ambiental escolar: “Papá eu non quero falar tan feo”, “Papá, hai nenos que din que falo raro, pero a mestra díxome que axiña aprenderei castelán e xa non falarei raro”, “Papá, eu antes de ir á escola era galega, pero na escola fixéronme española, que lle queres?”. Esa Xunta que tanto lle agrada a Ramón Villares porque “non impón” o galego (e si o castelán) é a causante directa do abandono da lingua de milleiros de meniños. U-la connotación política do galego para os rapaces o abandonaren, Sr. Villares? Onde poden estudar os nosos fillos na súa lingua como lle ten reclamado á Xunta insistentemente o Consello de Europa? En Vigo, de 150 centros escolares, só hai un que use equilibradamente o galego. Parécelle ben en Galicia a imposición do castelán e non a do galego? Non ten isto -agora si- connotacións políticas máis que evidentes? Non ten isto resultados escolares deprimentes ademais de infrinxir con descaro o estipulado na LNL e no propio Decreto 2010? Disto non di nada Villares? Non di nada tampouco do exiguo 10% de docencia en galego nas universidades?

Estas declaracións de Ramón Villares serían as esperables dun contertulio de 13TV ou de esRadio ou mesmo dun asesor áulico de Núnez Feixoo, pero nunca dun intelectual galeguista que foi presidente do CCG e é académico da RAG. O dano xa está feito, as súas declaracións xa son máis armas contra o noso idioma. Está comprobado que o roce fai o cariño, e ter moito roce co poder, cos poderes, consentirlles todo con tal de manter cargos e privilexios, viaxar moito con eles en coches oficiais, compartir con eles mesa e mantel a cada pouco, andar acotío de ganchete e posar todos moi sorrintes en moitas fotos etc., remata un primeiramente por lles desculpar e transixir as barrabasadas e abominacións máis abxectas contra o noso idioma e posteriormente continúa por pensar e actuar condescendentemente coma eles. Paga tanto a pena exercer de cortesán deste poder desgaleguizador que lexisla e actúa contra a lingua de noso para constrinxila ao nivel dun latín litúrxico, ornamental e prescindible?

O inxustificábel

Que diriamos de quen xustificase a violencia machista porque “se lle pega é porque lle importa, se non lle importase non lle pegaría”? Que diriamos de quen afirmase que non se poden aplicar leis de igualdade de xénero nin cotas por xénero para reverter a condición social subalterna da muller porque iso é impoñer e ten connotacións políticas?

Oxalá que os deuses alumeen esa nomenklatura cultural galega que domina nestes momentos a RAG, o CCG, fundacións e organismos varios, e que para o sentir do común é tan mansa e condescendente co poder, para defenderen o noso idioma dunha maneira educadamente intransixente, para non traizoaren a lingua en nome dunha mal entendida cordialidade institucional e para combateren con afouteza as políticas desta Xunta que –obedecendo ordes de Madrid- están calculadamente programadas para xibarizar o noso maior sinal de identidade histórico e colectivo: a lingua galega

Este artigo foi publicado orixinalmente na páxina web de ProLingua.

Comentarios