A RAG reclama a oficialidade do galego en Asturies apelando aos "dereitos" dos seus falantes

O uso do galego na zona de Asturies máis próxima á Galiza, apunta Freixanes, "non é un invento da RAG nin do galeguismo".
O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, nunha imaxe de arquivo (Foto: RAG).
photo_camera O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, nunha imaxe de arquivo (Foto: RAG).

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, reivindicou esta cuarta feira a presenza da lingua galega en Asturies para reclamar que se declare a súa oficialidade, en igualdade de condicións que o asturiano, no novo Estatuto de Autonomía deste territorio.

Fíxoo aludindo aos "dereitos" daqueles asturianos e asturianas que usan o galego e a preguntas das e dos xornalistas, logo de que a institución remitise ao presidente do Principado, Adrián Barbón; ao Goberno de Asturies e aos grupos parlamentarios o informe aprobado no seu último pleno ordinario á mantenta da reforma do Estatuto.

Sobre o documento da institución académica, sinalou que está "moi documentado" e "moi razoado". "Convido a lelo e non a moverse por instintos", sentenciou Freixanes, quen apostilou que a RAG "argumenta as cousas cando as di".

Por outra parte, recalcou que teñen a "obriga" de defender o galego "alí onde haxa falantes", sexan "moitos ou poucos". "A dignidade da lingua galega tamén está no galego exterior", engadiu, aludindo á parte máis occidental de Asturies, mais tamén ao Bierzo e Zamora.

Na mesma liña, incidiu que o seu obxectivo non é ir ocupar "nada" e insistiu en que o galego na zona de Asturies máis próxima á Galiza "non é un invento da RAG nin do galeguismo". "Se se fala, teñen os seus dereitos", salientou.

Cómpre lembrar, ante a polémica xurdida nas últimas datas, que Barbón rexeitou a proposta da RAG: "Ninguén nos dirá, desde calquera territorio e por moito respecto que lle teñamos, o que temos que recoller no noso Estatuto".

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén emitiu unha valoración a respecto desta polémica, e urxiu o Goberno asturiano a deixar atrás "subterfuxios semánticos" para "tapar" que hai "milleiros de persoas galegofalantes entre o Eo e o Navia".

Comentarios