Campaña RAG-PuntoGal

Rexistrar en febreiro un dominio .gal por 15 euros

Os presidentes da Real Academia Galega e de PuntoGal, Víctor Freixanes e Manuel González, apresentaron esta cuarta feira unha campaña para "proxectar o galego" na rede.

rag
photo_camera Darío Janeiro, Víctor Freixanes e Manuel González

A campaña de promoción do galego na internet que lanzan a RAG e PuntoGal ten dous chanzos. O primeiro, o abaratamento dos prezos dos dominios .gal. O segundo, un certame para premiar micro-relatos. E todo isto durante un mes de febreiro que -enfatiza a RAG por meio dun comunicado de imprensa- comemora "efemérides destacadas" como os aniversarios de Eduardo Pondal (8 de febreiro), Día Internacional da Lingua Materna (21F) e Rosalía de Castro (24F).

Freixanes e González -o presidente de Punto.Gal tamén é académico- compareceron en conferencia de imprensa, canda o secretario de Punto.Gal, Darío Janeiro, para apresentaren a campaña. Con esta achega a RAG -salientou o presidente da Academia- fai patente a súa aposta en "seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e comunicación e en reforzar a identidade de Galiza no ciberespazo através de .gal".

Por súa parte, Manuel González acrecentou que "a lingua galega é o noso primeiro e basilar elemento de identidade como galegos, e o dominio .gal é unha mensaxe continuada ao mundo através do ciberespazo de que somos un pobo cunha lingua útil e funcional".

O galego -estendeuse o presidente de  PuntoGal- é un "vehículo excelente para darlle a coñecer ao mundo a nosa identidade". González animou a utilizar esa ferramenta a todos os organismos públicos, ben como ao empresariado do país e a todas as galegas e aos galegos en xeral, visando reforzar así "a cohesión social do noso pobo e tamén pór en valor a calidade dos nosos produtos".

4.300 nomes rexistados

O .gal -espazo xestionado por PuntoGal- ten na actualidade rexistados máis de 4.300 nomes. A campaña que promove PuntoGal coa colaboración da RAG permitirá que no mes de febreiro sexa posíbel rexistar un novo dominio .gal por un prezo máximo de 15 euros. Os rexistadores acollidos son Dinahosting, Arsys, Blacknight e Openprovider. Neste enlace pódense consultar as condicións das promocións.

Concurso de micro-relatos

Alén do máis, a RAG e PuntoGal convocan un concurso de micro-relatos para "avivar a produción creativa nos novos espazos de comunicación". Os orixinais, de até 200 palabras, hainos que enviar ao correo electrónico [email protected] de 1 a 28 de febreiro. 

O primeiro premio consiste nun Ipad e unha cámara goPro; o segundo, nun Kindle e un disco duro externo, en tanto que o terceiro levará consigo un lote de libros. As persoas gañadoras dos tres premios obterán tamén un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal.

Comentarios