A RAG inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio vigués onde estudou a escritora

A Real Academia Galega celebrou esta terza feira no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos.

coleio xela arias

"Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa", expresou o presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes.

A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo.

A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey.

O proxecto completarase co concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras’, aberto aos centros de infantil e primaria.

Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns.

O colexio recordará tamén en diante para sempre que Xela Arias foi parte del, como sinala a placa que se descubriu no patio momentos antes de comezar a presentación de Primavera das Letras. "

A inauguración de Primavera das Letras contou coa colaboración dunha representación de alumnas e alumnos do colexio, que representaron distintos momentos vitais de Xela Arias e lles puxeron voz a varios dos seus poemas.

Comentarios