mércores 14/04/21

A RAG emitirá unha declaración institucional sobre a situación do galego

A unha semana da manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela, a Real Academia Galega anuncia que fará público esta sexta feira unha declaración institucional sobre a situación do idioma galego. 

Real Academia Galega
Real Academia Galega

A RAG anuncia a través dun comunicado que esta sexta feira fará pública unha declaración institucional sobre a situación do idioma galego. Segundo sinalan na convocatoria, a decisión da Academia de dar a coñecer a súa posición ao respecto do proceso de normalización está provocada polos “datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística”. 

A Academia convoca para as 14: 00 horas no salón de actos da súa sede na coruñesa Rúa Tabernas unha rolda de prensa na que dará conta da declaración institucional. 

Segunda declaración

Será a segunda declaración institucional que a RAG emita con respecto a situación da lingua galega desde que está presidida por Xesús Alonso Montero. No mes de xuño do pasado ano, a  Academia facía público un comunicado no que requiría ao goberno galego que avaliara a situación da lingua no ensino. “Ante os diversos sinais que apuntan a un progresivo deterioro da situación do idioma propio do país no sistema educativo”, a Comisión Executiva da Real Academia Galega acordou entón dirixirse á opinión pública e a goberno “en relación con este importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego”. Urxía entón á Xunta para que, “cumprindo as previsións legais, en primeiro lugar, proceda a avaliar a evolución da situación do galego no ensino e os efectos desta nas competencias do estudantado nos niveis non universitarios (dun xeito especial, na educación infantil e primaria); e en segundo lugar, tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización”. 

Agora, a declaración apuntará á enquisa do IGE fixo sonar as alarmas da ruptura da transmisión xeracional e reparar na perda de falantes na mocidade e está tamén no cerne da manifestación convocada por Queremos Galego que repara co seu lema “Polas fillas dos nosos fillos”, na continuidade da lingua a través das xeracións que virán. Lembremos que a enquisa do IGE deixaba á vista que un 75 por cento das persoas menores de 15 anos recoñecen que falan sempre ou principalmente o castelán e que o 22,7% de crianzas e adolescentes saben falar “pouco ou nada” en galego. En canto ao ensino, os datos afondan na perda de presenza do galego cun 2,15 por cento de estudantes que reciben aulas en galego, cando en 2008 era dun 15%. 

comentarios