A RAE lanza un documento sobre “a importancia do español como lingua”

Desde a institución negan que a presentación desde documento, que terá lugar esta quinta feira, teña que ver coa polémica derivada da chamada 'Lei Celaá' e da posibilidade de que o castelán deixe de ser lingua vehicular no ensino. O Instituto Cervantes deixa entrever que está a favor de promover o "bilingüismo" a través das modificacións na norma.

O director do Cervantes, Luis García Montero, coa ministra de Educación Isabel Celaá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O director do Cervantes, Luis García Montero, coa ministra de Educación Isabel Celaá. (Foto: Europa Press)

A Real Academia Española (RAE) citou para esta quinta feira ás e aos seus membros para votar a aprobación dun comunicado no que se defenda “a importancia do español como lingua”. No entanto, fontes da institución desvinculan esta decisión do pacto entre PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana para que o castelán deixe de ser lingua vehicular obrigatoria no ensino.

“É certo que a RAE vai escribir un comunicado pero non será sobre a lei obxecto de debate estes días, senón sobre a importancia do español como lingua”, comentaron fontes do organismo ás preguntas de Europa Press.

A bautizada como 'Lei Celaá', que está deixando o conflito lingüístico novamente nas aulas galegas,  vai ser debatida no Congreso, onde debe conseguir unha maioría absoluta (o si de 176 deputadas e deputados) para saír adiante. Mais a RAE afirma manterse á marxe.

Non é a mesma posición que segue o Instituto Cervantes, cuxo director, Luis García Montero, non ve a modificación da Lomce como un ataque ao castelán. Xa hai uns días o responsábel dicía estar “convencido” de que a reforma “favorecerá a integración e o bilingüismo máis que perseguir o español”.

Malia que non quixo polemizar fronte ás afirmacións doutras institucións, forzas ou partidos, Montero remarcou que non é negativo que a lingua vehicular no ensino poida ser outra en función dos territorios do Estado.

Unha riqueza social e cultural

“Debemos aprender que é un deber democrático que as sociedades respecten as linguas maternas. Non entendo moi ben estas loitas entre catalán e español, ou entre o vasco e o español, porque temos experiencia de convivencia e non hai que alarmarse”, reflexionou.

Na súa opinión o español “non está en perigo; é a segunda lingua do mundo”. De feito, considera que a existencia do “galego, o catalán e o euskera como linguas que conviven co español” no Estado non fan máis que enriquecer a sociedade e a cultura.

Así, alertou de que rexeitar ou renunciar a un bilingüismo por un enfrontamento sería un erro.

Comentarios