Figura central da filoloxía galega contemporánea

Esta quinta feira, xornada académica de homenaxe a Pilar Garcia Negro pola súa xubilación

É unha das figuras incontornábeis da filoloxía galega contemporánea, ensaísta de dilatada e reputada obra e colaboradora de Sermos Galiza. A profesora Pilar García Negro xubílase e o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña organiza na súa honra unha sesión académica de homenaxe, a se realizar esta quinta feira a partir das 10.30 horas.

20170422_183241
photo_camera Pilar García Negro, durante o recente acto de entrega do Premio Galiza Cultura a Francisco Rodríguez [Foto: X.M.]

As achegas da profesora Pilar García Negro ao campo da investigación sociolingüística son incuestionábeis e os seus estudos sobre Rosalía, Lamas Carvajal, Castelao, Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés son de coñecimento inescusábel para calquera persoa que queira ter un coñecimento cabal da evolución da literatura galega ao longo das últimas dúas centurias.

Co motivo da súa xubilación como profesora da Universidade da Coruña -institución na que dá aulas desde 1991-, o Grupo de Investigación Lingüística e Literaria organiza unha sesión académica consagrada á análise dos aspectos centrais da súa obra. A xornada pivotará arredor de dúas mesas redondas, a primeira hase de debruzar sobre os contributos da profesora en materia de investigación sociolingüística e a segunda terá como propósito analisar os seus estudos literarios.

A sesión, que leva como título xenérico o de Pilar García Negro, Pensamento, Pesquisa e Intervención, vaise desenvolver de acordo con este programa e terá lugar no salón de Graos da Faculdade de Filoloxía da UDC.

  • 10.30-12 horas

A investigación sociolingüística. A lingua galega no contexto das linguas minorizadas 

Robert Neal Baxter: Universidade de Vigo

Jaume Corbera: Universitat des Illes Balears

Goretti Sanmartín Rei: Universidade da Coruña

[Modera: X. R. Freixeiro Mato]

  • 12.30 -14 horas

A investigación literaria. Os estudos rosalianos e outras aproximacións á análise da literatura contemporánea.

Anxo Angueira: Universidade de Vigo / Fundación Rosalía de Castro

Xosé L. Axeitos: Real Academia Galega

Kathleen March: Universidade Maine 

[Modera: C. Fernández P-Sanjulián]

Unha actuación musical de Uxía porá o ramo a esta sesión, concluída a cal haberá un xantar de convivio no comedor da Faculdade de Arquitectura.

Comentarios