Queres participar no primeiro Bosque da Lingua?

A Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) busca micromecenas para repoboar unha superficie de máis de 40.000 metros cadrados con especies autóctonas, un parque de xogos e varios elementos que faciliten a difusión do patrimonio e a lingua da Galiza.

Un dos espazos traballados pola Comunidade de Montes de Couso (CMC)
photo_camera Un dos espazos traballados pola Comunidade de Montes de Couso (CMC)

Lingua galega e natureza en irmandade. É a proposta que nos achegan desde Gondomar a Comunidade de Montes de Couso, a Asociación Verdeval e o Instituto de Estudos Miñoranos. Trátase dun Bosque da Lingua e levarase a cabo no ámbito xeográfico do monte das Rasas no propio municipio. Abrangue unha superficie de 40.000 metros cadrados dentro da mesma área en que está situado o bosque da memoria xestionada pola mesma organización comunal.

A idea procura potenciar “o coñecemento e uso do idioma galego xunto con obxectivos medioambientais ecosociais” camiñando cara o ambicioso obxectivo final “de conservación, apego, difusión e uso do noso patrimonio cultural, social e ambiental facendo fincapé na lingua galega e destinada  fundamentalmente aos colectivos docentes (centros de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de grao básico, medio ou superior, ensinanzas de réxime especial, ensinanzas para adultos, centros de educación especial…), así como as  distintas institucións colaborativas que interveñan no proxecto”.

Campaña de micromecenas

Para que o Bosque da Lingua chegue a ser unha realidade precisan 21.655 euros e, para acadalos, veñen de lanzar unha campaña de procura de micromecenas.

As persoas que participen a través da páxina web montesdecouso.gal contarán cunha recompensa acordo co propio proxecto. 

Por 10 euros obterase unha entrada para un futuro concerto de música tradicional e unha mención no Bosque da Lingua. Por 30 acadarase unha entrada, unha mención e dous botes de marmelada. Por 50, a entrada, a mención, os botes de marmelada e un tronco para o cultivo de shiitake na casa. Por 100, todo iso e máis unha autorización para usar a piscina veciñal durante 5 anos e un bote de paté de shiitake. Por 200 euros terase dereito a un espazo fúnebre no Bosque das Memorias. E por 300 poderase acceder a todas esas vantaxes.

Actividades a realizar no Bosque da Lingua

Segundo explican na propia páxina web, no futuro espazo  desenvolveranse actividades que terán que ver con distintas disciplinas ou materias, “organizadas temporalmente ao longo do ano e secuenciadas na duración do proxecto, na que distintos fíos condutores guiarán cada proposta que se contextualizará para cada período de vixencia anual”. 

As máis salientábeis terán que ver coas artes decorativas, visuais, escénicas e literarias. Para levalas a cabo o espazo incluirá un parque de xogos e unha zona para conversar con bancos de madeira e mesas así como mesas de experimentación e unha mámoa-túnel.

A contorna estará sinalizada con paneis con textos de autoras e autores galegos con información a través de códigos QR.

Comentarios