Queremos Galego suma forzas para unha lingua con “garantía de futuro”

“Galego, garantía de futuro” é o título do manifesto que está a sumar apoios de cara ao vindeiro 17 de maio no que están convocadas mobilizacións en Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ribaeo, Lugo, Ourense e Pontevedra. 

O manifesto “Galego, garantía de futuro” está a sumar sinaturas na defensa da lingua de cara ás videiras mobilizacións que terán lugar o 17 de maio ás 12 da mañá. Están convocadas manifestacións e concentracións en Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ribadeo, Lugo, Ourense e Pontevedra. 

“Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo”, sinala no seu inicio o manifesto promovido por Queremos Galego no que se cuestionan as ameazas ás que se enfronta a nosa lingua, entre elas, o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos, a deturpación da toponimia, a exclusión na igrexa ou nas empresas que están a limitar “para vivirmos nel con absoluta normalidade”. Insiste o manifesto na vontade social de vivir na nosa lingua en normalidade, usalo a todas horas, todos os días e en todas as situación. 

Queremos Galego cuestiona o novo Plan para elaborar un documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico que cualifica como “propaganda” e, no canto diso, defende “accións concretas a favor da lingua como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. 

Compromiso coa lingua nos concellos

“O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar”, sinala o manifesto que chama a se “activar” como sociedade a favor da lingua, dando pasos adiante e loitando contra os retrocesos sobre os acordos “para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país”. 

Pola súa parte, a Mesa pola Normalización Lingüística reiterou a petición a todos os partidos e candidaturas que se presentan ás vindeiras eleccións municipais para que se comprometan coa lingua galega nos nosos concellos. 

Comentarios