Queremos galego prepara unha manifestación contra a política lingüística da Xunta

A Plataforma Queremos Galego convocou para o 27 de xaneiro unha manifestación en Compostela para exixir ao goberno galego que derrogue o decreto de plurilingüismo, após as sentenzas do TSXG.

 

Queremos Galego quere comezar o ano exixindo a derrogación do decreto do Plurilingüísmo que impuxo Alberto Núñez Feijóo ao chegar ao goberno da Xunta. Após as catro sentenzas do TSXG que invalidan puntos chaves desa norma, as presentadas por Queremos Galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a Real Academia Galega, para a Plataforma "fica claro que este decreto nos seus núcleos fundamentais é ilegal".

 

Desde o momento en que se fixo pública a decisión xudicial Queremos Galego puxo en marcha unha recollida de sinaturas de adhesión a un manifesto a través da súa páxina web e varias accións máis, como unha concentración diante de San Caetano en Compostela e unha gran manifestación para o vindeiro 27 de xaneiro. “Contaremos con poucos medios mais agardamos a mobilización e o esforzo na rúa de todas as persoas con sensibilidade cara ao idioma”, asegura o seu portavoz, Carlos Callón.

 

Manifesto


A Plataforma elaborou un manifesto en que sinalan que "o TSXG indicoulle ao goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado coa Lei de Normalización Lingüística". A petición de derrogación do "decretazo" implicaría, para Queremos Galego, a promulgación dunha "nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

 

Este manifesto, hoxe en día, conseguiu máis de 5.000 sinaturas e está dispoñíbel aquí.

Comentarios