Queremos Galego impulsa un calendario de mobilizacións pola derrogación do 'decretazo'

Queremos Galego anunciou o inicio dun calendario de actividades e mobilizacións, desde recollida de sinaturas até unha gran manifestación nacional o 27 de xaneiro, para exixir do goberno galego que derrogue o decreto de plurilingüismo, após as sentenzas do TSXG
Queremos galego
photo_camera Queremos galego

A plataforma Queremos Galego vai iniciar un calendario de actividades e mobilizacións que teñen como finalidade que o executivo autonómico derrogue o ´'decretazo', após as catro setenzas do TSXG que invalidan puntos chaves desa norma. No marco desta campaña comeza unha recollida de sinaturas "para que o conxunto da cidadanía poida expresarse", sinalou Carlos Callón. As sinaturas apoian un manifesto dispoñíbel nesta web.

"Chamamos tod@s @s galeg@s a participar na manifestación nacional do 27 de xaneiro, falen a lingua que falen".

Outra das actuacións impulsadas pola plataforma será unha concentración perante a Xunta de Galiza, acción que se desenvolverá o vindeiro 12 de decembro ás 12 da mañá. "Haberá sorpresas creativas", anunciou Callón. E o 27 de xaneiro terá lugar unha manifestación nacional en Compostela, "que agardamos que sexa un novo fito en defensa do galego", ao igual que aconteceu coas multitudinarias mobilizacións convocadas por Queremos Galego no pasado contra o decretazo. "Chamamos tod@s @s galeg@s a participar, falen a lingua que falen".

"O decreto é ilegal"

Segundo o presidente de Queremos Galego, Carlos Callón, as sentenzas mostran que o decreto da Xunta de Feijóo "non é só un decreto antipedagóxico, imposto sen diálogo", senón que "é ilegal". Para Queremos Galego, o goberno ten que derrogar "xa" todo o decreto, pois "é un decreto cadaverizado" que non pode seguir aplicándose.

Para a plataforma, debe volverse ao consenso anterior, en base á unanimidade expresada no seu momento no Parlamento de Galiza en apoio á normalización lingüística. O camiño elixido polo executivo de Feijóo, lembran, supuña dinamitar a presenza do galego nas diferentes etapas educativas. Unha aposta "ideolóxica" que valeu o rexeitamento da comunidade educativa e gran parte da sociedade galega.

Comentarios