Queremos Galego fai un chamamento a “desconfinar” o galego o 17 de maio

A plataforma cidadá anuncia mobilizacións "diferentes" ás habituais para o Día das Letras Galegas, dada a situación actual provocada pola pandemia da COVID-19

 

Marcos maceira
photo_camera Marcos Maceria na comparecencia telemática.

O voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, vén de presentar virtualmente os actos que a plataforma cidadá organizará para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Para Maceira, será “un 17 de maio máis, pero diferente”, polo que invita a festexalo “desconfinando o galego” a través das redes sociais a partir das 12 horas, “manifestándose” co uso de etiquetas como #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego ou #EuFaloGalego.

Mais Queremos Galego non quere deixar pasar a oportunidade que ofrece o Día das Letras, tamén no mundo real, polo que convida á cidadanía a pendurar a bandeira galega das xanelas ou varandas das casas, así como os carteis reivindicativos que xa se poden descargar desde a súa páxina web.

Por outra banda, ás 13 horas propoñen saír á xanela a cantar o poema A fala, de Manuel María, e anuncian que, “dado que a actual fase de desconfinamento o permite”, organizarán un “pequeno acto” diante do busto de Carvalho Calero na Carreira do Conte, en Compostela, no que participarán representantes das entidades que conforman Queremos Galego.

Alí lerase unha carta aberta de Pilar García Negro dirixida ao propio Carvalho Calero, lembrando a súa defensa da lingua e tamén o que leva acontecido nos últimos 30 anos que transcorreron desde o seu pasamento.

O Galego, lingua de cohesión

“Non podiamos deixar pasar a data do 17 de maio”, sinalou Marcos Maceira, que defendeu a importancia da lingua galega como elemento de “xustiza, igualdade e cohesión social”. “Deberíamos aproveitala para saír da mellor maneira posible desta crise sanitaria, económica e social”, engadiu.

Ademais, o voceiro da plataforma aproveitou para criticar o Goberno de Núñez Feixoo logo dunha década de facer “oídos xordos ás demandas da sociedade e organismos internacionais da importancia de Nacións Unidas ou o Consello de Europa.

Ningún pais do mundo que aspire a niveis altos de desenvolvemento pode non contar coa súa lingua propia, por iso reclamamos do Executivo galego que se poña á cabeza da defensa da lingua no noso país, porque lle corresponde, e porque ten que ser o Goberno de todos e todas”, apostilou un Maceira que considera unha “absoluta vergoña” as comparecencias en castelán do presidente da Xunta durante a pandemia.

Comentarios