A ENTIDADE PIDE A INMEDIATA DERROGACIóN DO DECRETAZO CONTRA O GALEGO

Queremos Galego esixe a Feijóo “feitos e non declaracións” após o masivo 8F

As declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamando ao diálogo pola lingua non abondan para Queremos Galego que esixe “feitos” inmediatos despois da masiva manifestación do 8F. A inmediata derrogación do decreto contra o galego no ensino e o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística serían un punto de partida. 

Manifestación 8F
photo_camera Manifestación 8F

A masiva manifestación do pasado domingo 8F en Compostela é, para Queremos Galego, un aval que reforza as súas reclamacións ao goberno galego, a quen, a catro días da convocatoria, esixen feitos urxentes para reverter a situación de retroceso do proceso de normalización do galego. Nunha comparecencia pública na que valoraron moi positivamente o importante suceso da mobilización, o presidente da MNL e voceiro de Queremos Galego esixiu ao goberno de Feijóo, de saída, a derrogación inmediata do decreto 79/2010 que supón, segundo sinalou, un retroceso sen precedentes do galego no ensino ademais da volta ao consenso que deu lugar á aprobación por unanimidade do Plan de Normalización Lingüística, para o que reclamou tamén o cumprimento das súas propostas. 

“A macromanifestación do 8 de febreiro foi unha mostra máis da unidade da sociedade galega en torno á súa lingua da que só se autoexcluíu unha parte do PP”, sinalou Marcos Maceira da convocatoria na que milleiros de persoas saíron á rúa “Polas fillas dos nosos fillos”. 

O absentismo do goberno da Xunta

A plataforma convocante instou a sociedade a continuar coa mobilización “na rúa, visibilizando que somos multitude as persoas que queremos vivir en galego con absoluta normalidade no noso país, mais tamén na acción diaria, reclamando a presenza do galego en todos os ámbitos, apoiando iniciativas colectivas e individuais que actúan soas, por desgraza para Galiza, sen ningún tipo de apoio institucional, e a pesar da actitude do propio goberno galego”, sinalou Maceira que, fronte á esta acción social, situou o “absentismo” do goberno da Xunta en materia lingüística. 

“Se realmente quer acordo, o Presidente debe comezar por cumprir os que xa hai, comezando polo PXNLG, aprobado por unanimidade, o que conleva a derrogación do Decreto 79/2010 contra o uso do galego no ensino e pór en marcha as medidas contempladas no PXNLG”, destacou Maceira, das “obrigadas” declaracións que, segundo insistiu, a masiva manifestación do 8F obrigou a facer ao presidente da Xunta. A Feijóo esixiulle entón que poña ao goberno a funcionar para mudar uns datos que falan, por exemplo, do nivel de uso e coñecemento do galego nas aulas, o peor na historia desde que se creou a Xunta, debido, segundo denunciou, “á non aplicación de ningunha das medidas acordadas para devolver o galego a todos os espazos e da acción contraria á lingua que se vén desenvolvendo nos últimos 6 anos”.

Comentarios