Seis de marzo fronte ao Concello de Lugo

Queremos Galego convoca unha protesta contra a sentenza do Supremo

“Sentenza ideolóxica” e “prexuízos políticos”´definen, ao ver da plataforma Queremos Galego e da Mesa pola Normalización Lingüística, a sentenza coa que o Tribunal Supremo rexeitou o recurso do Concello de Lugo contra a sentenza do Superior que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización da cidade. Por iso, Queremos Galego convoca unha concentración o vindeiro 6 de marzo, cuarta feira.
 

Concello_de_Lugo
photo_camera Concello de Lugo. Foto: Wikipedia.

“A sentenza do Tribunal Superior ratificada polo Supremo ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego”, afirma Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa, “como evidencia o feito de seren aprobadps e acordados por unanimidade das forzas políticas con representación no pleno municipal”.

Segundo Maceira, o ditame agocha “prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados pola extrema dereita para agredir a lingua galega e as persoas que queren utilizala, que fortalecen a consideración do galego como un idioma inferior”.

Queremos Galego considera que o alto tribunal estatal pretende “pór límites á oficialidade da lingua galega e impedir que manteña a igualdade respecto do castelán. Estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto”.

A plataforma, que compoñen “máis de 700 entidades”, chama a unha concentración perante o Concello de Lugo a vindeira cuarta feira, 6 de marzo, “en mostra de repulsa a unha sentenza ideolóxica”.

Comentarios