Protesta en Lugo contra a sentenza do Supremo

Queremos Galego chama a saír á rúa para “defender a liberdade plena” no uso da lingua

Ducias de persoas responderon na mañá desta cuarta feira ao chamado da plataforma Queremos Galego e do Concello de Lugo para protestar contra a sentenza do Supremo que quita a razón ao Goberno local e ataca a ordenanza de normalización lingüística aprobada en pleno por unanimidade.
 

concello de lugo queremos galego 2
photo_camera Concentración perante o Concello de Lugo esta cuarta feira, 6 de marzo. Foto: BNG.

“Acabamos de facer un chamado aos colectivos cidadáns, entidades, organizacións políticas e sindicatos a saírmos ás rúas defender a liberdade plena para usarmos galego, como fixemos en 2009 e 2010”, explica a Sermos Galiza Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Foi esta unha das conclusións extraídas da concentración perante o Concello de Lugo á que tamén convocou o Goberno local. A alcaldesa Lara Méndez, do PSdeG, asistiu, acompañada doutras edís. Rubén Arroxo, portavoz municipal do BNG, ou o deputado da mesma formación Xosé Luís Rivas tamén se presentaron na protesta.

“A sentenza do Supremo di que, fronte á cooficialidade que proclama o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, unha das dúas linguas pode ser limitada”, expón Maceira. Así, segundo o alto tribunal, as empresas privadas que traballen para a Administración pública non teñen deber de coñecer e usar o galego. O mesmo acontece coa rotulación.

“Isto supón unha diferenza de trato para o galego que dá en negar a liberdade plena de usarmos galego”, engade, “que non é só o noso maior sinal de identidade colectiva como pobo, senón tamén imprescindíbel para o desenvolvemento social, cultural ou político”. Por estas razóns insistiu na necesidade das mobilizacións: “Cómpre parar esta agresividade do Supremo e da extrema dereita, cuxa última ocurrencia é prohibir o galego no acceso á función pública”.

Queremos Galego mantivo, antes da manifestación, un encontro coa alcaldesa Lara Méndez, en que a plataforma lle trasladou o seu “apoio á ordenanza e á actitude do concello respecto da sentenza da Tribunal Supremo”.

Comentarios