Queremos Galego chama a unha “grande manifestación de unidade” a prol do idioma o 17 de maio

 ‘En galego sen límites’ é o lema da mobilización que percorrerá as rúas de Compostela, partindo da Alameda ás 12:00 horas.

queremos galego

Queremos Galego, a plataforma cidadá que integran máis de 500 colectivos socios de diferentes ámbitos, anunciou a convocatoria dunha “grande manifestación de unidade” a prol da nosa lingua para o vindeiro 17 de maio, unha mobilización que terá lugar en Compostela baixo o lema ‘En galego, sen límites’. Nos vindeiros días desenvolverase diversos actos nas comarcas galegas para informar desta convocatoria. Aliás, na propia web da plataforma  indicarase os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a esta mobilización que os convocantes agradan que sexa masiva.

‘En galego sen límites’ é un lema co que QG quer evidenciar os atrancos e obstáculos que existen para poder vivir en galego con normalidade. Para o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, existe un “apartheid lingüístico legalizado no que aínda vive o pobo galego”. Maceira considera que “a sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade”.

Implicación e compromiso da sociedade

O representante de Queremos Galego indicou que as “promesas incumpridas” de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos retrocesos, provocan  unha reacción social a favor do galego. “Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística” afirmou, e engadiu que “a garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego. Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela”.

Hai, pois, unha reacción social a favor do galego mais o goberno de Galiza non acompaña ese sentir senón todo o contrario, considera maceiras. Así, lembrou o que acontece no ensino, onde a combinación do ‘decretazo’ e a Lomce fan un “cócktel” que deixa a presenza do galego baixo mínimos. Para Queremos Galego a situación no ensino é indicativa do que tamén acontece noutros moitos ámbitos como a administración, o económico ou o laboral.

Comentarios