Queremos Galego alega ante Interior á sanción imposta pola manifestación das Letras Galegas

Marcos Maceira, da Comisión Xestora: ''A insistencia do Goberno Español en continuar co procedemento de sanción só se explica como vía de limitar a protesta e a mobilización cidadá a través da súa criminalización''.

Queremos Galego mantén aberta a vía das alegacións á sanción gubernativa imposta pola subdelegación do goberno na Coruña tras a celebración en Compostela o pasado 17 de maio da manifestación co gallo do Día das Letras Galegas. Desta volta as alegacións entregadas nesta segunda feira ían dirixidas ao Ministro do Interior.

A plataforma cidadá insistiu en que aquela mobilización decorreu con absoluta normalidade, sen incidentes e nun ambiente festivo e reivindicativo, tal e como destacaron unha manchea de medios de comunicación “e observaron as ducias de miles persoas presentes”.

Probas gráficas

Queremos Galego fixo entrega de fotografías publicadas polos diferentes xornais galegos do día seguinte “que contradin a versión da Delegación do goberno sobre a invisibilidade do Servizo de Orde, composto por voluntarias e voluntarios das máis de 600 entidades que conforman a plataforma cidadá. O amplo número de persoas integrantes deste servizo da organización identificado cun chaleque reflectante é perfectamente visíbel na práctica totalidade das fotografías”.

Segundo sinalou Marcos Maceira, membro da Comisión Xestora de Queremos Galego, “a insistencia do Goberno Español en continuar co procedemento de sanción só se explica como vía de limitar a protesta e a mobilización cidadá a través da súa criminalización. Para isto non se dubida en facer un uso partidista das institucións, incluída a policía”. Afirmación feita posto que, consideran, “a multa imposta culmina unha serie de accións como a tentativa por parte do Concello de Santiago de impedir a colocación dun palco e de megafonía (finalmente impedida polos tribunais), ou a mudanza do percorrido habitual por parte da mesma Delegación do Goberno”.

Comentarios