borias.- Farfallán, mentirán, contista.
Exemplo.- "Non lle fagas caso a ese, que é un borias."
Lugar de escoita.- Lalín.
Fonte.- Ramiro Ferradás González.
bragante/a.- Persoa preguiceira, con pouca ansia para o traballo.
Exemplo.- "Es unha braganta, que sempre estás tirada no sofá."
Lugar de escoita.- Beade (Vigo).
Fonte.- Josefina Davila Davila.
escampabiar.- Escapar ou saír fuxindo para evitar facer algo ou para evitar algunha responsabilidade.
Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).
Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.
langrista.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa maliciosa que anda mal metendo, enlizando a uns e outros con contos.
Lugar de escoita.- Zona de Navia de Suarna e Fonsagrada.
Fonte.- Kike de Vidal e Daniel Pando/Endl Navia de Suarna.
pancada (ter unha/darlle unha).- Cambio súbito de opinión ou de humor para peor, arrebato, arroutada.
Exemplo.- “Deulle unha pancada e entrou co tractor pola Cultural adentro.”
Lugar de escoita.- O Porriño e Salceda de Caselas.
Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.
penicamandís.- Persoa que se dedica a cociñar sen moitos coñecementos.
Lugar de escoita.- Xunqueira de Espadanedo.
Fonte.- Xesús Franco.
virillas.- Persoa que escatima esaxeradamente no que gasta ou no me dá; que dá o menos posible do que ten.
Exemplo.- “É un virillas, non hai quen lle faga pagar unha rolda.”
Lugar de escoita.- Bolmente (Sober).
Fonte.- Recollido por Ángeles Pérez, de Pacios. Enviado por Ramón Sandoval.