As queixas ante a Valedora por vulneración de dereitos lingüísticos duplicáronse

A institución recibiu unha reclamación ou petición cada catro días por este motivo.
Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)
photo_camera Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)

O número de expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos presentados diante da Valedora do Pobo duplicouse, pasando de 48 queixas a 96 expedientes recibidos no exercicio 2020, ano sobre o que se presentou o informe a principios deste verán.

Deses case cen expedientes recibidos, a Valedoría admitiu 76, mentres que non aceptou 11 e 9 remitiunas ao Defensor del Pueblo. No que atinxe a estas 9 queixas, a entidade que preside Dolores Fernández Galiño indica que facían referencia ao uso exclusivo do español por parte de órganos da Administración xeral do Estado con sede en Galiza.

Cal foron os motivos sobre os que se pronunciaban estas queixas presentadas pola cidadanía galega? Pois variados. desde a denuncia de deturpación de topónimos pola Mancomunidade de Arousa Norte até o uso exclusivo do castelán na documentación de ingreso e alta no servizo de Obstetricia do CHUS - Complexo Hospitalario Universitario de Santiago-. 

A aplicación só en español do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, o uso exclusivo do castelán na liña de información do coronavirus do Sergas, a resposta en castelán do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a unha consulta realizada en galego ou a negativa dunha docente da Universidade da Coruña a corrixir un traballo en galego e uso do tradutor en liña; foron outras das cuestións denunciadas.

Todas elas, sinala a Valedora, con conclusión positiva.

Dereitos

Outro dato significativo para a Valedora do Pobo é a porcentaxe das queixas concluídas positivamente tras iniciar as actuacións. "Nos informes remitidos polas administracións dábase conta das medidas adoptadas de xeito inmediato para corrixir a situación, unha vez que a institución lles requiría información sobre a actividade concreta que incumpría a normativa sobre dereitos lingüísticos e se comprobaba o fundamento da queixa", indícase no informe.

Un informe, ademais, salienta "a intensa actividade da Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, entidades de defensa da lingua que promoveron 74 queixas, o 77% dos expedientes tramitados".

A Valedora do Pobo afirma que a a actual etapa da institución outórgalle "prioridade á protección e potenciación do idioma galego ao configurar a defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega como un área do traballo de supervisión das administracións públicas galegas con entidade propia, autónoma e diferenciada da área de cultura".
 

Comentarios