luns 25.05.2020

Queixas no Bierzo por non poder ver a TVG “desde hai semanas”

Fala Ceibe remite un escrito ás administracións galega e castelán, así como á CRTVG demandando poder volver ver a canle pública galega.

Vista panorámica de Santalla do Bierzo (wikipedia)
Vista panorámica de Santalla do Bierzo (wikipedia)

O colectivo Fala Ceibe do Bierzo denuncia que a TVG non pode verse nesta comarca desde “hai semanas”. “Temos recibido numerosas queixas de televidentes de diferentes localidades en relación á falta de percepción do sinal da televisión pública veciña”,  indican desde o colectivo Fala Ceibe.

Fala Ceibe informa que se puxo en contacto coas administración públicas de Castela e León e Galiza, Cortes de Castela e León, Parlamento de Galiza, Procurador do Común e Valedor do Pobo para que interveñan na resolución desta “problemática visual e lingüística”. Explican que poder acceder a este medio de comunicación serve para “normalizar a presenza do idioma galego na rexión berciana”. O galego é falado por miles de persoas nesta zona.

Aliás, o colectivo lembra á Xunta que o seu ordenamento xurídico “recoñoce o apoio lingüístico aos territorios exteriores”, aquelas zonas nas que se fala galego mais non pertecen administrativamente a Galiza

Por último, esta asociación, indica que “agardamos que a Xunta tome a iniciativa política para garantir que os bercianos poidamos ver de novo a TVG. Neste sentido, aproveitamos esta ocasión para demandar de novo a sinatura dun convenio de colaboración entre a Junta de Castela e León e maila Xunta da Galiza para facilitar a recepción das canles das televisións e das radios galegas na rexión do Bierzo, cos medios económicos e técnicos axeitados e suficientes”.

comentarios