O PSdeG leva ao Parlamento a deturpación do topónimo de Sanxenxo nun acto patrocinado pola Xunta

O grupo socialista faise eco da información publicada por 'Nós Diario' sobre o patrocinio dun programa de Federico Jiménez Losantos no municipio do Salnés, que presenta como "Sangenjo".
Cartaz co topónimo deturpado.
photo_camera Cartaz co topónimo deturpado.

O grupo socialista no Parlamento da Galiza vén de rexistrar unha pregunta para resposta oral no pleno dirixida ao Goberno galego en relación ao programa radiofónico de ESRadio —Federico Jiménez Losantos— que a Xunta patrocina malia presentar o municipio no que se gravará como "Sangenjo", unha información publicada por Nós Diario a pasada semana.

Esta actuación do Goberno galego contravén o artigo 10 da Lei 3/1983, de normalización lingüística, que regula que as publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir a normativa vixente de normalización lingüísitica en materia de toponimia.

No seu escrito, o PSdeG fai alusión a este texto lexislativo e máis ao Decreto 132/1984, polo que se regulan os procedementos para a fixación e recuperación da toponimia da Galiza, que é "parte esencial do patrimonio do pobo".

"É, xa que logo, extensa e indiscutíbel a literatura normativa que define e protexe a nosa toponimia como parte do noso patrimonio cultural inmaterial e por esa razón sorprenden na actualidade determinadas manifestacións que se levan producindo no ámbito público sen que o Goberno galego tome ningunha medida contundente ao respecto", salienta o grupo socialista.

A respecto do patrocinio do programa de ESRadio, o PSdeG afirma: "É inaceptábel que o Goberno sexa artícipe deste maltrato á nosa lingua, tanto por non ter sometido a control toda a publicidade sufragada con fondos públicos como para non actuar unha vez coñecido este atentado á nosa toponimia".

A pregunta á que terá que responder o Executivo de Alberto Núñez Feixoo na Cámara é a seguinte: "Como valora o Goberno galego que un evento que deturpa a nosa toponimia sexa sufragado con cartos públicos?".

Outro exemplo paradigmático e o foro económico que decorre na illa da Toxa, no concello do Grove, e que é nomeado polos organizadores como Foro "La Toja". Na edición do ano pasado, unha protesta pacífica dos colectivos fronte ao hotel no que decorre o Foro acabou disolta por membros da Garda Civil, que actuaron de xeito violento e bateron sobre os participantes na concentración.

Comentarios