Proxecto Nós: intelixencia artificial para interactuar dixitalmente en galego en todo o mundo

O responsábel do Goberno galego afirmou que Nós terá un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros, “o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia”.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta o Proxecto Nós de intelixencia artificial para o galego. Edificio CINC - Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), 11/05/2021
photo_camera O titular do Goberno galego, Núñez Feixoo, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, de Esther Estévez (Dígocho Eu), Rosario Álvarez (Consello da Cultura Galega) e o reitor da USC (Antonio López)

O proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá á cidadanía galega interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas.

Así describe a Xunta esta ferramenta, presentada esta terza feira polo propio presidente do Goberno galego, Núñez Feixoo. Feixoo subliñou que esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, que serán gratuítos e en código aberto, de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións. “Aspiramos a lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade en todo tipo de dispositivos tales como: asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade”, aseverou.

Feixoo destacou entre as ferramentas que se desenvolverán: un sintetizador de voz, permitindo a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego, podendo escoller xénero, idade, etc; un recoñecedor de fala, posibilitando a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática; e un xerador de lingua natural, convertendo datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.

Así mesmo, referiuse tamén á creación dun sistema de diálogo xenérico, é dicir, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros; un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz; e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.

Para levar a cabo o proxecto Nós, Feixoo asegurou que a Consellaría de Cultura e a Amtega contarán ademais coa participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago; co Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; así como coa iniciativa privada.

O responsábel do Goberno galego afirmou que Nós terá un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros, “o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia”; e unha mobilización de máis de 45 millóns de euros privados, a través dos novos produtos tecnolóxicos.

Todo isto, engadiu, ademais baixo a previsión de xerar 450 novos empregos directos e indirectos, relacionados coa nova industria do coñecemento e o desenvolvemento de aplicacións.

Comentarios