Pilar García Negro, profesora da UDC

“O Protocolo de Donostia busca comprometer a acción dos gobernos en defensa da lingua”

Pilar García Negro, profesora da UDC, vén de participar nas últimas reunións que tiveron lugar arredor do Protocolo de Donostia, ao que achegou, no seo do comité científico, os coñecementos da súa especialidade en materia de sociolingüística e dereitos das persoas utentes de linguas minorizadas. Nesta conversa, fornécenos das claves do documento, que será presentado o 17 de decembro.

pilar 2
photo_camera Pilar García Negro

Cal é o obxectivo do Protocolo de Donostia?

As entidades organizadoras pretenden actualizar a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, que cumpre 20 anos da súa proclamación en Barcelona, elevando o rango da súa natureza para lle procurar unha executividade, unha translación practica ás políticas das administracións públicas dos diferentes Estados ou gobernos ou onde estas teñan influencia. Pretenden algo semellante á redacción dun protocolo como o de Kioto, a respeito do cambio climático, ou o de Montreal, a respeito da protección da capa de ozono. Por tanto, un paso máis na validade daquela Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, mais que teña consecuencias prácticas e que comprometa sobre todo a acción dos gobernos en defensa da lingua en calquera das áreas onde se pode actuar.

"O protocolo supón un paso máis na validade da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos"

Que ámbitos de actuación abrangue o protocolo?

Estudáronse toda unha serie de medidas moi concretas e limitadas para poñelas en práctica en diferentes áreas de actuacións, que son: cultura, toponimia e onomástica, media e novas tecnoloxías, administracións públicas, educación e socioeconomía.

Que balanzo fai da reunión?

Moi positivo, aínda sendo por todo o traballo desenvolvido, sobre todo por Euskadi. En concreto, no ámbito vasco, hai unha correspondencia real entre esta vontade de lle dar validade á declaración e unhas políticas non só gobernamentais, senón de favorecer a presenza e a expansión do euskera a través dunha rede social moi estendida e moi activa en todos os territorios. As reunións xa comezaron en decembro do ano pasado. Non se me escapan as dificultades de aplicación debidas aos seguintes factores. En primeiro lugar, este foro de ámbito europeo engloba nacións sen Estado, como o noso proprio caso, e minorías nacionais, de maneira que hai xa unha natureza diferente do ponto de partida. En segundo lugar, as perspectivas ou aspiracións de cada un dos membros é diferente, porque imaxinemos a distancia que pode haber entre a situación do catalán ou aínda a do euskera a respeito da situación da lingua frisoa ou do bretón, ou de minorías que aspiran a un pequeno catálogo de prestacións lingüísticas concedidas polo Estado do que dependen.

"Levamos moitos anos, e nomeadamente estes últimos, en que se fai unha antipolítica para o galego"

E no noso caso, no galego?

No noso caso hai que atender ao deplorábel do ponto de vista gobernamental que padecemos tanto por parte do Estado español como dunha Xunta servil co Estado. E tamén sufrimos unha antipolítica. Non é que se faga pouco a respeito das mínimas obrigas que implica a lexislación sobre a normalización da lingua galega e de planificación de usos públicos do galego, senón que levamos moitos anos, e nomeadamente estes últimos, en que se fai unha antipolítica para o galego. Isto é, unha política agresiva de privación de usos e de prohibicións legais coa novidade engadida da utilización do inglés como cúmplice do español para sepultar ou invisibilizar aínda máis o galego. Podemos lembrar as recentes declaracións do presidente da Xunta en funcións, que descaradamente expuxo a necesidade de que sexa a propia poboación a que demande mais inglés. Neste contexto, todo o que nós poidamos contribuír á boa saúde democrática de todas as linguas do mundo e, en concreto, de todas as linguas inferiorizadas do continente europeo será a base de fortalecérmonos nós aquí, de conseguirmos moita máis presenza social e pública para o idioma e de non consentirmos impunemente toda esta continuada fervenza de agresións para a lingua. Iso é fundamental que o teñamos presente. Despois, o método de composición das medidas que se propoñen son moi completas e abranguen todos os campos que xa citei. Ten como pano de fondo a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que no noso caso foi ratificada ao máximo nivel pola Xefatura do Estado no 2001. Por tanto, debera operar e vincular por este elevado estatus legal a administración do Estado e todas as administracións públicas actuantes na Galiza, e non é así en absoluto. De maneira que o retraso é considerábel.

En que se basean as medidas que elaboraron?

En primeiro lugar, realizouse un diagnóstico da situación, que varía segundo se coloque o espello en diferentes nacións ou comunidades lingüísticas presentes repartidas en diferentes Estados e/ou minorías nacionais. Entón, unha vez realizado o diagnóstico de todas as diferenzas existentes, procurouse elaborar en primeiro lugar unha táboa de mínimos cumpríbeis que, insisto, teñen a ver con darlle contido verdadeiro a unha declaración para que deixe de ter carácter declarativo e pase a ter un contido práctico, executivo. Insistimos ademais como en toda proclamación dun dereito para ser efectiva debe levar aparellada a mención dun deber. Isto é unha garantía por parte dos poderes públicos non para respeitar nominalmente un dereito, que iso non ten contido xurídico ningún (aquí respéitase todo para esmagalo na práctica). senón para que sexan axentes interpelados por parte de toda a comunidade lingüística respeitiva que queira facer uso deses dereitos. Se non é así, se non se aprofunda nesa liña de esixencia, pois estamos sempre na confesión de dereitos coa condición de que non se practiquen. E dicer, nunha por tanto política declamativa que non ten a menor consecuencia práctica. Dáse un paso importante porque o que se pretende é un grao de compromiso maior. Mais insisto, polo que atinxe a nós, o imprescindíbel e fundamental é fortalecer o idioma. A lingua é, por antonomasia, a grande posesión transversal que temos, non podemos reducila a unha demanda sectorial, senón que é necesario darlle a vida social e política que merece o tema. E non pode reducirse a lingua a un elemento do patrimonio cultural. A lingua é o elemento unitivo primario.

"De conseguirmos que este protocolo for asumido e posto en practica polos poderes públicos, tanto españois como galegos, significaría un avanzo enorme en todos os campos"

De se materializaren as propostas, garantiríase os dereitos lingüísticos do galego?

Claro, de conseguirmos que este protocolo for asumido e posto en practica polos poderes públicos, tanto españois como galegos, significaría un avanzo enorme en todos os campos. Por suposto, ficaría absolutamente inhabilitada a prohibición do uso do galego en determinadas materias científicas do ensino e ficaría garantida a presenza do idioma nos medios de comunicación públicos e privados dependentes ou subvencionados con diñeiro público. Por suposto que teriamos unha oferta cultural garantida en galego, moito máis potente cualitativa e cuantitativamente, e veriamos como nas nóminas e en todo tipo de impresos laborais ou do ámbito económico figuraría tamén a lingua, ou como as administracións públicas teñen que ser as primeiras en seren legais a respeito delas mesmas. Teriamos moitísimo máis avanzo no universo cada vez máis amplo das novas tecnoloxías...

Comentarios