PROPOSICIóN DE LEI ORGáNICA

UPyD pide no Congreso que topónimos deturpados como Vivero e Rianjo sexan legais

A iniciativa presentada por UPyD quer recuperar “o nome español dos topónimos”, así como que se poida acceder a un emprego público en Galiza sen saber galego, que a administración autonómica use o español na súa documentación e comunicación; ou que a CRTVG emita en castelán.

toponimia

Unha batería de medidas concretas para acabar “coa discriminación do español” en territorios como Galiza, Catalunya ou Euskadi. Así presentou Andrés Herzog, portavoz de UpyD no Congreso, a proposición de lei orgánica que o partido maxenta quer que a Cámara baixa tramite “por vía de urxencia” para que fique aprobada antes do fin da actual lexislatura. Unha proposta na que “a recuperación do nome español dos topónimos erradicados” vai da man de peticións como que o coñecemento do galego non sexa un requisito para ser empregado público en Galiza ou que a Xunta use o castelán. Non falla tampouco, o clásico de impulsar o español no ensino fronte “á súa discriminación”.

Para Herzog, no Estado español está moi extendida, di, a “concepción errónea” de que “as linguas teñen dereitos”. Unha afirmación que fai para, a seguir, contrapoñer o que di que é unha imposición do galego, catalán ou vasco ao dereito da 'cidadanía' a falar español. Seis son as actuacións e propostas concretas recollidas na proposición de Lei Orgánica presentada por UPyD.

“Recuperar os topónimos erradicados”

De se aprobar esta LO impulsada polo partido de Rosa Díez os “topónimos en castelán” terían que figurar nas rotulacións de todas as vías “urbanas e inter-urbanas”, ademáis de que se procedería a “recuperar o nome tradicional español dos diferentes topónimos, que foi erradicado”. O que suporía a volta de La Coruña, Orense, Villagarcía, Rianjo, Vivero, La Isla... fórmulas erradicadas por mor “da agresiva política lingüística” da comunidade.

Non é o dos topónimos o único campo onde esta LO procura unha regresión na lexislación cara a unha 'españolización' absoluta. No punto de 3 da proposta especifícase que “as disposicións normativas e non normativas de calquera administración (….) e dos organismos públicos, sexan do ámbito que sexan, deberán redactarse e publicarse cando menos en castelán”.

“Igualdade entre españois”

En Galiza faise un uso “excluínte” do galego que impide que “os españois concorran en igualdade de condicións” a un posto de traballo. UpyD fai desta a súa afirmación o argumento en base ao cal solicitar que no acceso a un emprego público en Galiza non teña como requisito coñecer unha das linguas oficiais e a lingua propia do país, o galego. O mesmo pide este partido para Euskadi e Catalunya, que para ecxercer un emprego público neses territorios non se teña porque coñecer os seus idiomas.

A petición de que os medios de comunicación públicos (no caso galego, a CTVG) use o español é outra das reclamacións expresadas na proposición de Lei Orgánica que UpyD quer que se tramite por vía de urxencia.

Comentarios