ProLingua solidarízase coas persoas procesadas por “defender a lingua dun ataque extremista”

ProLingua mostra o seu apoio ás doce mulleres e homes que serán xulgad@s esta terza feira 20 de maio por “defender a lingua dun ataque extremista”. Fiscalía pide 45 anos de cadea máis sancións económicas no que definen como “un abafante contexto de regresión da liberdade de expresión. 

aurelio
photo_camera aurelio

A asociación ProLingua solidarízase coas doce persoas que serán xulgadas este 20 de maio acusad@s de desordes públicas e resistencia á autoridade polos acontecementos que se produciron na xornada do 8 de febreiro de 2009 na que Galicia Bilingüe convocara unha manifestación contra a normalización do galego á que asistiran o ultra Sáenz e Ynestrillas ou Rosa Díez, testemuñas no xuízo. Ao seu ver, as persoas que se manifestaron na defensa da lingua, foron controladas, identificadas e algunhas delas detidas, fronte ao trato que recibiron aquelas que se manifestaban contra a legalidade arredor da lingua. 

“Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados polo simple feito de falaren galego? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos?”, pregúntanse desde ProLingua, entidade que emitiu un comunicado no que denuncian tamén a “xudicialización dunha realidade que só fixo agravarse nos últimos cinco anos e que sitúa a lingua de Galicia nunha das etapas máis regresivas da súa normalización”.

Retirada dos cargos

Demandan a retirada de todos os cargos contra as doce persoas encausadas xa que consideran o seu xuízo un “proceso político que converte os agredidos en agresores, que retrata o galego coma unha lingua imposta, e que subverte os termos dun suposto confrontamento lingüístico que só existe no ánimo duns poucos, xusto aqueles que reclamaban aquel 8F “libertad para decidir”. 

ProLingua lembra o apoio do PP á manifestación de Galicia Bilingüe un mes antes das eleccións autonómicas e destaca que o xuízo prodúcese igualmente en plena campaña electoral.

Comentarios