ProLingua retoma o activismo lingüístico

A asemblea celebrada esta fin de semana aprobou unha dirección con novas e vellas caras e unha variada proposta de actividades. Entre as primeiras accións figura un chamamento aos partidos políticos para que o consenso en materia lingüística.
Entrevista Chano Rodríguez
photo_camera Asistentes á asemblea de Prolingua

A asemblea da Plataforma Prolingua (PL) celebrada esta fin de semana na Ramallosa, Teo, aprobou por unanimidade o informe económico, as actividades e a nova directiva que a xestionará até 2015. “A metade da Cerna somos xente nova”, comenta Alejandro Tovar, unha das persoas que se incorpora nesta nova etapa de PL, “coa idea de dinamizar cun obxectivo claro de chegar á mocidade”. Comezarán esta mesma semana coa preparación de documentos sobre as diferentes propostas aprobadas entre as cales xa están en marcha un documental, que se realizará o próximo ano, e visitas a comercios e clubs deportivos para, segundo Tovar, “explicarlles porque é positivo o uso do galego”.

Actividades de ProLingua até 2015
PL comarcalizará a asociación no seu funcionamento e conformará grupos de traballo que se dedicarán, nun inicio, ao deporte, o dereito e administración e a comunicación e empresa. Realizarán unha aproximación ás plataformas pola lingua catalá Òmnium e Plataforma per la Llengua e apoiarán proxectos xornalísticos dedicados ao mundo adolescente, ademais de tentar contar con instrumentos audiovisuais propios.
Entre as propostas a realizar neste período tamén figuran varias publicacións como a dun vídeo documental sobre a situación da lingua que se presentará en asociacións e locais “de todo o dominio lingüístico galego” e unha obra didáctica de divulgación sociolingüística.

Programación da TVG
Para PL son moi importantes os medios de comunicación públicos e a programación que difunde a nosa lingua. Por iso exixen a “continuidade con novos capítulos do programa Ben falado!” e que teñan prioridade na programación infantil e xuvenil espazos que “fomenten o uso da lingua galega”.

PL propón o “deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas”

Chamamento aos partidos políticos
PL realizou un chamamento para que as formacións políticas recuperen o consenso en materia lingüística que “Núñez Feijoo esfarelaba con teimosía”. Entre as recomendacións sinalan que os cargos políticos teñen “o deber de empregar o galego e contar cun mínimo coñecemento do noso idioma”. Como medida urxente exixen a “substitución do chamado Decreto de ensino plurilingüe por outra normativa que dea resposta ao mandato básico da Lei de normalización lingüística” e exixir “o coñecemento da lingua galega a todo o funcionariado, especialmente a aqueles sectores que exercen o seu labor en contacto coa cidadanía”. Os medios de comunicación e a súa castelanización tamén foi un dos temas que tiveron en conta. PL propón que “de existiren as axudas públicas aos medios de comunicación, condicionalas a un incremento significativo no emprego da lingua propia de Galiza”.

Por último desde PL propoñen o “deseño dun programa específico de actuacións públicas que busquen desmontar os prexuízos sobre a lingua e fomenten as actitudes positivas” recoñecendo os “dos danos causados ao galego” e realizar “políticas públicas de apoio e promoción ás industrias culturais que empregan o galego como vehículo de comunicación”, ademais de “medidas para garantir o uso normal da lingua en calquera ámbito ou situación, con especial atención ao mundo laboral” e a “elaboración dunha norma/lei de uso do galego no comercio que poña a lingua galega en situación de igualdade co castelán na sinalética, etiquetaxe e toda a información comercial escrita” xunto a unha norma/lei que obrigue a industria e o comercio que ten implantación en Galiza para respectar a toponimia vixente.

Sobre este chamamento Alejandro Tobar sinalou que “aínda é cedo mais agardamos que os partidos políticos respondan ao longo desta mesma semana”.

Imaxes: F. Fernández Rei

Comentarios