O programa 'Falamos' de Pontevedra comeza con 171 persoas inscritas

O programa, deseñado polo Concello e pola Universidade de Vigo, ten como obxectivo de promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria. A maioría das persoas inscritas decláranse castelanfalantes ou bilingües e entre as motivacións persoais para participar no programa indican o interese pola lingua e o perfeccionamento do galego.

Posto de información do programa 'Falamos' (Nós Diario)
photo_camera Posto de información do programa 'Falamos' (Nós Diario)

A iniciativa ‘Falamos’, deseñada polo Concello de Pontevedra e pola Universidade de Vigo, rematou o seu período de inscrición a través de casetas colocadas en varias facultades do Campus de Pontevedra. O número total de persoas interesadas é de 171, sendo 77% mulleres.

Esta proposta, posta en marcha pola Concellaría de Normalización Lingüística, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, e pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, procura promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria do Campus de Pontevedra.

Motivacións

A través da información achegada no formulario de inscrición polas persoas participantes, entre as motivacións que as persoas inscritas indican para participar no programa destaca, maioritariamente, o interese pola lingua e por perfeccionar o galego, e en case todos os casos tamén indican que por defendelo.

En canto ao tipo de falantes, a maioría considérase bilingüe (75 persoas), ou castelanfalante (63 persoas), e tan só 31 das persoas inscritas se presenta como galegofalante. En canto aos estudos universitarios, as persoas inscritas proceden de practicamente todas as carreiras que se imparten no Campus de Pontevedra, aínda que por número destacan as que cursan Audiovisuais e Maxisterio/Grao en Educación Infantil ou Primaria.

Aínda que a campaña a través de postos físicos nas facultades xa rematou, permanece aberta a posibilidade de inscribirse a través desta páxina web.

Tamén a través desta páxina, as persoas xa inscritas teñen aberta, neste momento, a posibilidade de solicitar as actividades nas que desexan participar. Están programados clubs de lectura, cursos de cociña, visionado comentado de filmes na Casa das Campás e a participación no voluntariado lingüístico.

Comentarios