O profesorado critica que o Sergas eliminase o galego das comunicacións das PCR

As e os docentes demandan que as institucións sanitarias galegas deixen a “discriminación” á lingua da Galiza e lamentan a “indefensión” ante os “gobernos de Feixoo e Sánchez”. A Mesa xa denunciou a situación a través da Liña do Galego.

EuropaPress_3281145_app_radar_covid-19
photo_camera Imaxe de arquivo da app do Goberno do Estado (Foto: Europa Press)

O profesorado galego vén de acusar ao Sergas de eliminar “a nosa lingua das comunicacións relativas ás PCR previas ao comezo do curso escolar”.

Así llo transmitiron á Mesa pola Normalización Lingüística, que esta cuarta feira trasladou publicamente que este non é un caso illado.

Para o colectivo, quer o goberno de Feixoo, quer o de Pedro Sánchez, están a excluír o galego de toda a xestión do coronavirus.

"Temos dereito a recebermos información, atención e axuda sobre a Covid en galego", recorda o presidente da entidade, Marcos Maceira. "A pesar de que nin o goberno de Galiza nin o de España o respecten", incidiu o voceiro.

Por iso a Mesa xa tramitou unha queixa a través da Liña do Galego “pedíndolles ás institucións sanitarias que rectifiquen” porque a atención en galego até o momento “é practicamente inexistente”.

Esta situación, engade Maceira, implica “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica".

A organización afirma que a ausencia do galego advírtese en cousas tan sinxelas como a atención telefónica, as aplicacións móbiles do Sergas e do Ministerio de Sanidade e nas formacións especializadas sobre a pandemia.

Comentarios