Publicada en 1998

Unha profesora reivindica a primeira táboa periódica en galego

A taboa periódica dos elementos publicouse en galego en 1998. Así o reivindica a súa autora, a profesora de química orgánica da Universidade de Vigo, Pilar Rodríguez Seoane.
 

photo_camera Imaxe da táboa periódica publicada por Obradoiro-Santillana. Foto: cedida.

Esa versión apareceu “seguindo as normas da IUPAC [Unión Internacional de Química Pura e Aplicada]” en Edicións Obradoiro-Santillana e coa colaboración da Universidade de Vigo. A revista Anales de la Real Sociedad Española de Química, no volume 95 e número 3, acolleuna na contracapa. Reeditouse en 2002 “actualizada cos novos elementos”.

A Universidade de Vigo, sinala a mesma docente, “incorporou os nomes dos novos elementos descubertos e volveu publicar dúas novas edicións en 2008 e 2013”. Segundo explica Rodríguez Seoane nun comunicado remitido aos medios de comunicación, “a táboa continúase actualizando”.

Tamén relata que a Universidade de Vigo expón na entrada principal da Facultade de Química “unha táboa periódica de grandes dimensións” para conmemorar o 150 aniversario da publicación da primeira versión realizada por Dimitri Mendeleiev.

A profesora decidiu recordar estes traballos despois de que varias institucións nucleadas polo Consello da Cultura presentasen, hai practicamente un mes, unha edición da táboa periódica en galego. Nela colaboraron a Universidade de Santiago, a Xunta, a Real Academia Galega de Ciencias e a Real Academia Galega. Esta iniciativa partiu dos químicos desta universidade Manuel Bermejo, Ana González Noya e Marcelino Maneiro.

Malia existir polo menos dúas versións da táboa periódica dos elementos en galego, unha delas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o denominado Decreto do Plurilingüísmo aprobado polo primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo prohíbe expresamente impartir materias de ciencias en galego no ensino secundario.

Comentarios