Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020

Primeira reunión con entidades para a promoción da lingua no tecido económico

O CGAC acolleu na tarde da quinta feira a primeira reunión de traballo convocada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a posta en marcha do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, que busca crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados empresariais

image_gallery
photo_camera [Imaxe: Xunta] Participantes na reunión

Após a súa aprobación no Consello da Xunta do 4 de agosto, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 botou a andar coa primeira reunión de traballo na que participaron 15 dos e das responsábeis dalgunhas das principais entidades, asociacións e empresas asentadas no país que colaboraron no deseño e elaboración do documento.

Ao inicio da reunión, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou que o citado plan “é da Xunta de Galiza no seu conxunto aínda que a iniciativa parta da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que é quen coordina e quen velará pola súa aplicación”. Puxo de manifesto, ademais, que o documento nace no marco do sector IV do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, afondou nas características principais da folla de ruta, que foi elaborada en colaboración con 314 axentes do ámbito social e económico. Na súa intervención, advertiu da necesidade de que a lingua non se restrinxa só ao ámbito cultural e literario e apostou en promover o galego no tecido económico por ser este “un ámbito estratéxico”.

Valentín García: "Marcámonos medidas concretas para que o plan non sexa un brinde ao sol"

Valentín García apelou á participación e á cooperación das distintas entidades, posto que o plan, salientou, debe ser permeábel e debe desenvolverse con reunións de seguimento para garantir a súa aplicación, pola que velará o Observatorio da Lingua Galega, amais do resto de entidades involucradas. “Marcámonos medidas concretas para que o plan non sexa un brinde ao sol”, afirmou o secretario xeral de Política Lingüística, quen explicou que a execución do plan comezará nas vindeiras semanas.

Xosé González: “Necesitamos un I+D+i+G”

O primeiro en tomar a palabra na reunión da tarde desta quinta feira foi Xosé González, presidente do Foro Peinador, que subliñou que “o I+D+i ten que levar acompañado un g de galeguidade”. Tamén advertiu da necesidade de que as escolas de negocios que hai no país difundan historia da economía galega “co fin de que o alumnado saiba que non partimos de cero e que houbo empresarios que apostaron nun modelo de empresa inserido na realidade”.

“O obxectivo deste plan debe ser a creación dunha escola de maxisterio de galeguidade empresarial”, engadiu Xosé González. Para finalizar, apelou a garantir os dereitos lingüísticos das persoas consumidoras e dos traballadores e traballadoras.

Antonio Diéter Moure: “En que cabeza cabe que o galego pode prexudicar?”

A continuación, interveu o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Antonio Diéter Moure, quen comezou preguntándose “en que cabeza cabe pensar que o galego poida prexudicar as empresas?”. Apuntou que o tecido empresarial “non quere ser un eixo diferenciador negativo de espallamento da lingua e da cultura, senón que quere actuar como catalizador”.

Na mesma liña, cualificou o idioma galego como “ferramenta imprescindíbel para o espallamento da lingua”. “Cómpre traballar pola conciencia empresarial galega”, afirmou o presidente da CEG.

Marcos Maceira: “É fundamental garantir os dereitos lingüísticos”

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén interveu na reunión, onde expuxo que a entidade que preside “está disposta a participar en todas as accións favorábeis ao galego”. Engadiu que espera que o citado documento “non sexa un subplan do PXNLG”. Así, pediu garantir o seguimento e a súa aplicación.

Amais de solicitar que se garantan os dereitos lingüísticos de traballadores e consumidores, amosouse favorábel a condicionar as axudas ao uso do galego. Finalizou reclamando a aplicación do PXNLG “en todas as áreas, tamén no ensino” e apelando a que o galego teña “os mesmos dereitos e deberes que o español”.

Xosé Montes: “O galego vende”

O presidente de Feiraco, Xosé Montes, tamén participou da xuntanza para expoñer que “o galego vende”. “A promoción da lingua é unha obriga que temos coa terra”, subliñou, “é unha oportunidade para nos dar a coñecer e para nos manter presentes na sociedade”.

Sumáronse á primeira reunión de traballo o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira; o presidente da Asociación de Empresarios do Deza, Antonio Lamas; e tamén de representantes da Fegape, Deseño Galicia, Vía Láctea Films, Autos do Sil, El Corte Inglés, Bolanda, Anfaco, Vegalsa-Eroski, a Asociación Galega de Áridos, Eosa, Aenor e Coca-Cola.

O documento

O plan estrutúrase a través de tres obxectivos principais: crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, nas relacións laborais, comerciais e empresariais, tanto na oferta como na demanda de produtos e servizos; e utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galiza e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.

O documento recolle un total de 81 medidas que buscan incidir no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as dez áreas que contempla o sector: hostalaría, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.

Comentarios