ALONSO MONTERO VOLTA A DEFENDER FILGUEIRA A PESAR DO SEU PASADO FRANQUISTA

O presidente da Real Academia Galega critica a Mesa “por non crer na pedagoxía”

Alonso Montero asegura que a asociación pola normalización lingüística “non está na metodoloxía da persuasión” e cualifica de “sectarias” as persoas contrarias á concesión do Día das Letras a Filgueira.

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, considera que A Mesa pola Normalización Lingüística ten “unha visión limitada” da lingua galega xa que, segundo a súa opinión, “non cre na pedagoxía nin na metodoloxía da persuasión”.

Alonso Montero realizou estas críticas durante unha entrevista na Radio Galega, na que o académico e histórico do PCE en Galiza acusou a Mesa de “tratar como imbéciles e escuros a quen non pensa como eles”. “E non hai que chamarlle a ninguén 'imbécil e escuro'. O galego é de todos, non do Bloque, de Esquerda Unida, dos comunistas ou da dereita”, engadiu Alonso Montero. 

O titular da RAG tamén asegurou que “toda a sociedade galega ten unha responsabilidade co galego, pero a Xunta máis”. Así, defendeu que o goberno autonómico tome a iniciativa e convoque os axentes a prol do idioma e faga "un pronunciamento público" en relación ás enquisas que indican un descenso do uso da lingua propia. 

Por último, Alonso Montero volveu defender a concesión do Día das Letras 2015 a Xosé Filgueira Valverde a pesar do seu pasado franquista. “Hai moito sectarismo e fanatismo entre os que protestan por esa elección”, afirmou.

Comentarios