O presidente da RAG non se pronuncia sobre se 'pulpo' pode ser vocablo galego

Alonso Montero deixa en mans de "especialistas en lexicografía" a aceptación ou rexeitamento do termo español dentro do dicionario da Academia galega, tal e como pediu o Concello do Carballiño apelando á "pragmática", argumento que defenden como "filolóxico e científico".

festa_pulpo
photo_camera Cartaz da Festa do Polbo de 1984


"Demostrar que a palabra pulpo é a que se utiliza normalmente malia non estar considerada galega pola normativa dos últimos anos". Este é, segundo o Instituto de Estudos Carballiñeses, o obxectivo do informe que encargou o Concello do Carballiño para amparar a petición que elevou á Real Academia Galega para que inclúa no dicionario o nome en español do produto protagonista da súa festa máis senlleira, a do polbo, que este 2014 cumprirá 52 anos. 

A RAG terá que se pronunciar sobre se acepta ou non a proposta do rexedor Argimiro Marnotes (PP). Porén, o seu presidente, Xesús Alonso Montero, non quere anticipar cal é o seu posicionamento sobre se o termo español pode ou non ser considerado tamén galego e non descarta, por tanto, que pulpo se torne oficial. "Eu non son a Academia, son parte da Academia e teño a miña opinión ao respecto pero non a vou adiantar porque pode que despois non prospere o meu punto de vista", declarou Alonso Montero ao lle preguntar pola petición do alcalde carballiñés. Acrecentou o presidente da RAG que a institución recibe este tipo de solicitudes --incluír palabras do español no léxico do galego-- "todos os días".

Non obstante, Alonso Montero cualificou de "científica" a maneira de proceder do Concello do Carballiño ao elevar a súa petición á RAG e destacou que se a proposta se rexistra axiña haberá unha resposta antes de finais de xaneiro. O presidente da Academia galega non se pronuncia e di que a decisión a deben tomar "especialistas en lexicografía".

"Sempre foi pulpo", é verdade; mais tamén foi sempre xuego e xuez e jueves

O argumento esgrimido polo Concello do Carballiño para reclamar que a RAG acepte o termo pulpo como galego --que nesta vila da comarca do Arenteiro "sempre se dixo pulpo"-- non necesita de informe ningún para ser defendido. Ben coñecida alí é a anécdota acontecida hai algúns anos durante unha conexión en directo en que unha xornalista da TVG corrixiu unha polbeira do lugar de Arcos, a aldea carballiñesa que fixo famoso este produto, cando se referiu ao cefalópodo polo seu nome en español. E a polbeira respostou sen dubidar: "iso de polbo dicídelo alá, na capital; aquí dicimos pulpo". 

E si, é verdade. No Carballiño sempre se dixo pulpo. Porén, non é esta unha variante dialectal da palabra que na nosa lingua designa este animal, polbo, senón unha mostra máis de que o galego está inzado de españolismos que son consecuencia da imposición desta lingua estranxeira como única aceptábel e mesmo da prohibición do idioma propio da Galiza durante os anos da ditadura. "A lingua é dinámica como as sociedades e hai palabras que non existían mais que, por ser utilizadas, xa están recoñecidas", acrecenta Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudos Carballiñeses, en declaracións a un xornal ourensán.

Seguindo o argumento da "pragmática" ao que apelan Muleiro e o alcalde Marnotes, un percorrido por esta vila permitiríanos ouvir termos como xuego en lugar de xogo; xuez e xueza para designar un xuíz ou unha xuiza; carretera para se referiren a unha estrada; lunes ou jueves para mencionar a segunda e a quinta feiras; ou espalda para falaren das costas. É a "pragmática" a xustificación "científica, filolóxica e antropolóxica" con que o Concello do Carballiño quere remachar a reclamación de oficialidade para un españolismo? 

Comentarios