'Primavera silenciosa': traducen ao galego o libro que abriu os ollos sobre o impacto dos pesticidas

O acto de presentación, organizado pla AC O Galo, contará coa presenza, entre outros, do tradutor desta obra de Rachel Carson, o catedrático e ex-reitor da USC, Casares Long. 

Rachel Carson
photo_camera Rachel Carson

En 1962 publicábase un libro, 'Silent Spring', que marcou todo un fito. A súa autora, a científica Rachel Carson, denunciaba os efectos prexudiciais dos pesticidas no medio ambiente (flora e fauna) e apontaba as responsabilidades da industria química na crecente contaminación. Carson sostiña que os insecticidas e os herbicidas sintéticos, e os seus residuos, eran biocidas que afectaban a saúde de todos os seres vivos a través da cadea alimentaria. Unha denuncia valente naquela altura e que lle valeu a esta muller o ataque das poderosas industrias químicas. A científica enfrontouse aos intereses desas grandes empresas multinacionais que a finais de 1950 contaba co apoio do Departamento de Agricultura de USA, un organismo que incluso pagou a rodaxe dun “documental” propagandístico sobre o uso benéfico dos pesticidas. 

'Silent Spring' ten xa tradución ao galego, 'Primavera silenciosa', feita polo catedrático e ex-reitor da Universidade de Compostela, Casares Long. O libro será presentado esta quinta feira, ás 20:00 horas na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, Compostela), nun acto organizado pola Asociación Cultural O Galo. Ademais do tradutor, tomarán parte Roxelio Pérez Moreira, profesor titular de Bioloxía da USC, Elvira Cienfuegos, profesora. de Ensino Medio e membro de Adega; e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O acto está organizado pola AC O Galo.


 

Comentarios