Os Premios Youtubeiras abren a inscrición da quinta edición

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, abren o prazo de inscrición para a súa quinta edición
"Magnetismo en liña" é o lema desta quinta edición (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera "Magnetismo en liña" é o lema desta quinta edición (Imaxe: Nós Diario).

Nesta nova edición, o concurso persegue "impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa", recolle a organización nun comunicado de prensa.

“Desde a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”, afirmou en rolda de prensa Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras.

Pereiro púxolle cifras ao grande incremento de participantes nestes anos ao sinalar que “en 2017 concorreron 202 vídeos”, mentres que na convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu até os 536”.

Nesta convocatoria tense a vontade de superar a marca, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a tan só dous meses -rematará o 22 de outubro-.

Este ano, “co obxectivo de fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento”, non se poderán presentar vídeos illados como en edicións anteriores. É a gran novidade nas bases destes Premios Youtubeiras que, por segunda edición consecutiva, se dividirán en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.

Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.   

Neste quinto ano, escolleuse como lema a frase Magnetismo en liña, co obxectivo de remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. O xurado formarano o sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da TVG.

Comentarios