O PP veta no Congreso español un maior orzamento para a Real Academia Galega en 2014

A parlamentar nacionalista Rosana Pérez defendeu que a nivel económico a RAG debía estar na liña das súas homólogas vasca e catalá, mais a maioría popular botou por terra as emendas de BNG e socialistas.

O PP vetou calquera tentativa de que houbese un incremento na dotación inicial prevista desde o Estado para a Real Academia Galega (RAG). Así informa o xornal El Correo Gallego, indicando que as emendas tanto socialistas como de nacionalistas galegos para que houbese un maior compromiso orzamentario con esta institución ficaron en nada.

Os populares rexeitaron “definitivamente todas as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado 2014 en materia de educación, cultura e deporte”. Entre elas, as referidas á RAG. A deputada Rosana Pérez, BNG, defendeu segundo sinala El Correo unha dotación de 726.000 euros para que así a Real Academia Galega estivese na liña orzamentaria das súas homólogas do idioma vasco e catalá.

Desde as bancadas socialistas criticouse que o PP botase por terra calquera tipo de iniciativa ou apoio ás institucións que pulan polos idiomas galego, vasco e catalán.

Comentarios