A entidade reúnese cos populares e co BNG

O PP “tomará en consideración” o manifesto da Mesa pola pluralidade lingüística

O PP “tomará en consideración” e estudará, tanto no grupo parlamentario como no partido, o manifesto pola pluralidade lingüística Liberdade, igualdade, democracia, entre cuxos impulsores se atopa A Mesa pola Normalización Lingüística. A entidade reuniuse esta segunda feira cos populares e co BNG e, en datas vindeiras, farao con En Marea.
 

a mesa PP
photo_camera De esquerda a dereita, Sara Seco e Mónica Pazos, da Mesa pola Normalización Lingüística, co deputado do PP César Fernández Gil. Foto: A Mesa.

O Bloque, pola súa banda, amosou o apoio ao documento, asinado xa por 1.200 persoas. Ademais da Mesa, promóveno organizacións doutros lugares do Estado, como Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Catalunya), Acció Cultural del País Valenciá (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (aragón) e Iniciativa pel Asturianu (Asturies).

a mesa BNG

Por parte do PP foi o deputado César Fernández Gil, quen se reuniu coas representantes da Mesa Mónica Pazos e Sara Seco. Asegurou que "tomará en consideración" o manifesto, aínda que o programa electoral do partido para as eleccións xerais contempla que "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, polo menos, en castelán".

“Existen máis de 500 disposicións legais que amparan o español”, sinalou a secretaria xeral da Mesa Mónica Pazos, “mentres coñecer a lingua propia de Galiza non é requisito para o acceso á administración pública, a presenza nos medios de comunicación públicos do Estado é anecdótica. O incumprimento da Carta Europea das linguas é flagrante”.

Pazos lembrou o carácter plurilngüe do Estado español e que, polo tanto, “non pode recoñecer máis dereitos a quen fala unha das linguas que existen dentro do seu territorio. Todas e todos os cidadáns temos os mesmos dereitos e deberes. As linguas son mostra de diversidade e non hai linguas superiores a outras”.

Entre as reivindicacións que recolle o manifesto atópase a de que o Estado español “estenda deberes e dereitos dos que até agora só se beneficiou o castelán”.

Nota: na foto, de esquerda a dereita, a deputada do BNG Olalla Rodil e as representantes da mesa Mónica Pazos e Sara Seco.

Comentarios