ILP da Mesa: a maioría absoluta varre a vontade de perto de 30.000 persoas

O PP bloquea o desenvolvimento do galego no ámbito da empresa, o traballo e o consumo

Debate, e moi de fondo, da ILP promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística no pleno do Parlamento galego. Non houbo sorpresa e a maioría absoluta do PP bloqueou unha iniciativa avalada por 28.000 persoas.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Debate ILP sobre o galego no ámbito socioeconómico. 19 de decembro de 2017.
photo_camera Marcos Maceira, na tribuna do Parlamento [Foto: Laura R. Cuba]

Non houbo nen un só parlamentar conservador que dera o seu apoio a unha iniciativa que persegue a plena equiparación de direitos entre galego e castelán. O cada día máis fantasmagórico sector galeguista deste partido non deu sinais de vida. O PP veu argumentar que a ILP é desnecesaria porque o Goberno galego xa promoveu no seu día o Plano de Normalización do Galego no tecido socieconómico 2015-2020.

A maioría conservadora argumentou que "os direitos que se pretenden salvagardar con esta ILP" atoparíanse xa "garantidos" no "marco normativo presente", afirmou perante a cámara o parlamentar do PP César Manuel Fernández Gil na súa quenda de réplica á intervención do presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica, Marcos Maceira, quen abriu o debate para, cunha intervención de quince minutos, debullar o contido dunha iniciativa respaldada por 28.000 persoas.

Fernández Gil defendeu que non ten sentido acrecentar o acervo legal sobre o galego cunha normativa sobre o desenvolvimento do idioma da Galiza no ámbito socieconómico, pois o seu contido xa estaría contemplado no Plano de Dinamización do galego no tecido socieconómico 2015-2020, promovido pola Xunta. Este argumento fora preventivamente contestado por Marcos Maceira, quen no pórtico do seu discurso denunciara o incumprimento por parte da Xunta das distintas normas e planos de normalización da lingua propia do país.

O PP recorreu ao seu argumentario tradicional contra a normalización do galego, o "respeito" á "liberdade" dos consumidores e das empresas a elexeren a súa lingua de preferencia, e engadiu un novo razonamento, a inconveniencia de introducir unha nova regulación que puidese acabar prexudicando os axentes económicos vía sancións por eventuais incumprimentos. Todo o discurso de Fernández Gil rezumaba, aínda sen apelar a ela, a doutrina popular do bilingüismo harmónico, isto é, a visión idílica dun país sen rastro de conflito lingüístico.

_MG_0113

A ILP obtivo o apoio de En Marea, PSdeG e BNG -33 votos-, insuficientes fronte a un PP que se preocupou de ter esta tarde no Pazo do Hórreo o número exacto de parlamentares que constitúen a súa maioría absoluta, isto é, 38. Destarte, a ILP decaía ao ser rexeitada a súa toma en consideración.

Unha ILP con enorme respaldo social

 

Non votou en contra de calquera cousa o PP esta tarde. A ILP non só estaba avalada por 28.000 persoas -amplamente ultrapasado o limiar mínimo deste tipo de iniciativas, 10.000 asinaturas-, senón que o seu contido se foi cociñando en contactos con millenta colectivos e organismos do país. "Presentámoslla ao Consello da Cultura Galega, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Dirección Xeral de Consumo e Comercio, á Federación Galega de Municipios e Provincias, ao Instituto Galego de Consumo, á Confederación de Empresarios de Galiza, a comités de empresa, organizacións sindicais e grupos parlamentares", relatou Marcos Maceira desde a tribuna do Parlamento. O obxectivo sempre foi, esclareceu, o da vontade de a ILP ser tomada en consideración "con todo o respaldo político e social posíbel".

_MG_0124

Ese respaldo tivo unha tradución gráfica na tribuna de convidadas do salón plenario do Parlamento, ateigado de persoas que quixeron testemuñar coa súa presenza o seu apoio á ILP. Representantes do mundo do traballo -de sectores moi significativos na loita polo alargamento dos usos do galego como o da teleatención- e tamén do ámbito da empresa, entre estes últimos o presidente da Asociación de Comerciantes de Ribeira, Antonio Miranda Blanco, ou Antonio Dieter Moure Areán, ex presidente da patronal galega, ben como a xerente de Leite Noso, Patricia Sánchez Lorenzo. Canda eles, entre outras persoas, asistiron ao vivo ao debate o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; a presidenta da Cooordenadora de Traballadores de Normalización Lingüística, María dos Anxos Sobriño Pérez; as representantes da Unión de Consumidores de Galiza, Rebeca Sánchez Andrade e Yolanda Pérez Rivera; o presidente de ACOUGA, Manuel Pérez Arias; e o ex secretario xeral da CIG e presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo.

Tampouco faltaron á cita persoas relevantes das universidades do país como a profesora de Economía da UDC María do Carmo García Negro ou a profesora de Filoloxía na UDC e co-redactora da Declaración Universal de Dereitos LIngüísticos María Pilar García Negro.

_MG_0093Un arroupamento social, portanto, sen moitos precedentes, nunha iniciativa que, a vista das persoas convidadas, interesa por igual a traballadoras, empresarios, consumidores, docentes e activistas da lingua. Un cosmos moi plural. En palabras de Marcos Maceira: "28.000 persoas que constataron coa súa sinatura a vontade ampla de termos como galegos e galegas os mesmos dereitos que os utentes de calquera outra lingua oficial no sue territorio como acontece co francés en París, co alemán en Berlín, co finés en Helsinki ou co español en Madrid

Persoas que queren ser atendidas na súa lingua cando realizan consultas telefónicas, asinan hipotecas, realizan entrevistas de traballo ou diríxense por escrito ou oralmente a calquera entidade pública ou privada no seu propio país. Son situacións, remarcou Maceira, en que "dunha maneira abafante a nosa lingua está excluída, vetada. Onde o normal é que non estea. Onde non temos liberdade para empregala, simplesmente por non termos opción en galego, na atención, documentación ou información".

Os dous esteos da normalización lingüistica

 

Para unha lingua estar verdadeiramente protexida deben funcionar por igual dous vectores: o respaldo social -á vista desta ILP na Galiza diso non falta- e o amparo desde as institucións de goberno. Isto último é do que carecería Galiza, segundo a visión da Mesa pola Normalización Lingüística. "O impulso político precisa tamén que as institucións responsábeis, co goberno galego á cabeza, se comprometan coa súa propia lexislación e cos acordos dos que participaron, así como co acompañamento ás reclamacións lexítimas de impulso e promoción da lingua propia que son, ademais, obriga estabelecida polo propio Estatuto de Autonomía", dixo Marcos Maceira.

_MG_0127Nese fragmento da intervención de Maceira descansa boa parte do sentido desta ILP. O problema non é tanto a inexistencia de normas legais protectoras canto o incumprimento delas por parte do Goberno galego. Nese sentido, o presidente da MNL puxo en especial destaque como, 13 anos despois de ser aprobado por unanimidade no Hórreo o Plano Xeral de Normalización Lingüística do Galego, este virou na práctica letra morta ao non ter sido executado nos seus aspectos esenciais.


Ese incumprimento sistemático das normas e das súas obrigas é o que levou a MNL a socializar o debate sobre o estado da lingua, un proceso participado por miles de persoas que resultou no despregamento desta ILP. "A realidade é que hoxe en Galiza é practicamente imposíbel facer en galego un acto tan simples e habitual como abrir unha conta, asinar contratos de distinto tipo ou mesmo trámites obrigatorios en entidades públicas como a alta ou a baixa na Seguridade Social, ou determinadas xestións coa Axencia Tributaria", afirmou, para a seguir proclamar que "querer vivir en galego, con toda normalidade, convértenos en estranxeiras na nosa patria".

316 casos de vulneración de direitos lingüísticos

 

E, claro, que hai conflito lingüistico e haino porque as persoas galegofalantes ven violados acotío os seus direitos, tal e como recolleu a Liña de Galego, o servizo da MNL que tramita as queixas das cidadás e que só en 2016 "recolleu 316 casos de vulneración de direitos lingüísticos que son só unha ínfima parte dos que se producen a cotío en Galiza", recalcou.

Todo o discurso do presidente da MNL foi contestado sumariamente polo portavoz do PP, se ben é certo que desta volta desde as bancadas conservadoras se optou por un discurso de luva de seda, até o ponto de Fernández Gil abrir a súa intervención cunha gabanza do rol da Mesa como axente normalizador do galego, consciente sen dúbida o partido de Feijóo de que na súa base eleitoral hai sectores que non simpatizan coa política lingüística en curso. Sabedor dese flanco feble do partido no goberno, Marcos Maceira referiu que dirixentes do Partido Popular, "dentro e fóra desta Cámara", tentaron que "o seu partido apoiase este ILP tan xusta e necesaria".

_MG_0132Tería xa chegado a "hora", enfatizou no ton vibrante da súa quenda de réplica coa que fechou o debate, de que "todas as persoas que aman o galego e o seu país saian do armario lingüístico e manifesten publicamente o seu desacordo coa hostilidade do PP cara ao noso idioma e cara á nosa normalización".

"Que se diga con claridade que na Galiza só o español pode contar con amparo e protección, que todo o que di a lexislación sobre o galego non pasa de retórica", retou as bancadas populares. "De que liberdade podemos falar cando non existir unha opción mínima de uso do galego?",perguntouse. "Velaí o que hai tras o discurso do bilingüismo, da liberdade de idioma e da imposición do galego. Todo vale encanto non se pór en cuestión a superioridade do español. Pretenden converter o galego nun residuo de uso ritual. Os últimos 7 anos foron os de maior agresividade contra o galego na historia autonómica", recapitulou.

Embora bater contra o muro da maioría absoluta do PP, o presidente da MNL non renuncia ao diálogo, se ben non perdeu a oportunidade de anotar que "hai tres anos que estamos á espera da resposta á solicitude de reunírmonos co presidente Feijóo". En todo caso, deixou claro que a MNL non vai decretar o cesamento das súas actividades á espera dunha hipotética chamada de Monte Pío: "Continuaremos o traballo de impulso do galego en todos os ámbitos. Non podemos nen imos ficar de brazos cruzados encanto vostés [polas bancadas conservadoreas] se absteñen ou actúan directamente en contra da lingua galega e o seu uso. A situación do galego non é irreversíbel. Animo os miles de galegos e galegas que asinaron esta ILP a continuar reivindicando o direito do galego a existir, a organizarse e a xuntar toda as forzas coas que contamos", concluíu.

Todas as imaxes desta sesión plenaria do Parlamento da Galiza son da autoría de Laura R. Cuba.

Comentarios