Pontón pide a Feixoo que impulse o galego como lingua principal na aula

O BNG chama o Goberno galego a desbotar as "teses da extrema dereita" sobre a lingua vincular na educación.
Encontro BNG
photo_camera Pontón reuniuse con Fernando Lacaci e Suso Bermello. (Foto: BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a impulsar o galego como lingua principal na educación, no canto de abrazar as "teses da extrema dereita".

Tras un encontro co presidente da confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, e o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, no que tamén estivo o deputado do BNG Manuel Lourenzo, a líder nacionalista fixo a súa valoración da nova Lei de Educación, a Lomloe, da que salientou aspectos positivos que melloran, dixo, a "retrógrada Lei Wert".

Con todo, para o BNG a reforma "carece de ambición e é unha oportunidade perdida para conseguir unha educación pública, laica e galega de calidade".

"Ten avances fronte á reaccionaria Lomce que saudamos, pero o BNG non se conforma cunha lei que na práctica supón retroceder 15 anos, nunha especie de volta á LOE, pero conservando aspectos da Lei  Wert que se poderían corrixir e mellorar", manifestou Pontón, quen salientou da nova norma que deixa aspectos relevantes baixo a competencia das comunidades.

Neste sentido, indicou que o BNG "estará vixilante" das decisións de Feixoo no desenvolvemento "de aspectos tan substanciais como o galego na educación, contidos dos currículos ou a atención ao alumnado con necesidades especiais".

A este respecto, reclamou do presidente da Xunta que non se apunte ao "falso debate" do ataque ao castelán e propuxo que o galego sexa a lingua principal na educación pública, de forma que se levanten os vetos ao seu uso en materias como as matemáticas, impostos pola política " lingüicida" aplicada até agora. "Queremos unha educación galega e en galego", subliñou.

Ademais, Pontón avogou por reducir ratios nas aulas que acollan estudantes con necesidades educativas especiais e, para iso, pide ao Goberno da Xunta que dote o sistema dos efectivos profesionais necesarios. Nesta cuestión, censurou que a Lomloe manteña os cocientes das aulas ordinarias da Lei Wert –25 en Infantil e Primaria e 30 para Secundaria–, en lugar de reducilas, que non mellore o ensino no rural ou que manteña os concertos educativos.

Neste sentido, a portavoz nacionalista reclama a supresión "inmediata de calquera tipo de financiamento ou axendas públicas aos centros do Opus  Dei" e demais colexios que segregan o alumnado por sexo. "Se algo necesitamos é unha educación en valores que fomente a igualdade entre homes e mulleres", considerou. 

Comentarios