'Na casa, na escola, bota a lingua fóra': así será a 23ª edición do Correlingua

Baixo o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra', o Correlingua deste ano abranguerá multitude de actividades.
Presentación do Correlingua 2023. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación do Correlingua 2023, con Marta Ferreiro, Suso Bermello, Alberto Oubiña, Celia Armas e Anxo Teran. (Foto: Nós Diario)

Achégase máis unha edición do Correlingua. O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, presentou na mañá desta quinta feira a que será a vixésimo terceira edición deste popular evento, a cuarta feira 24 de maio, canda Anxo Teran, coordinador nacional do Correlingua; Celia Armas, secretaria xeral da Mesa Pola Normalización Lingüística; Marta Ferreiro, membro de CIG-Ensino, e Suso Bermello, secretario nacional desta división do sindicato.

"O Correlingua é un evento que ten transcendencia en todo o país, en todas as vilas nas que se celebra. É máis que unha cita social na que a rapazada se une para reivindicar a lingua e tamén para celebrar que temos lingua propia e que temos forza para empregala", salientou Oubiña.

Baixo o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra', o Correlingua deste ano abranguerá multitude de actividades nas próximas semanas. O evento recuperará o seu formato orixinal após dúas edicións condicionadas polas restricións sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19.

"Podemos recuperar de forma total esta celebración, se ben volveremos usar o espazo da Alameda, o palco da música, pois a experiencia foi realmente boa o pasado ano. Estaremos encantados de recibir a todo ese alumnado que queira sumarse dos centros de Pontevedra", celebrou o edil.

O Crealingua —concurso libre de creación artística en galego—, o Cantalingua —concurso de música en galego—, o Regueifando —gran regueifa colectiva— e o Desata a lingua —creación do manifesto do Correlingua 2024— son as actividades que complementan esta nova edición do Correlingua, que pasará entre o 4 e o 31 de maio por Vigo, A Coruña, Ponteareas, Ourense, Lugo, A Mariña, Monforte, Ferrol, Pontevedra, Moaña, Compostela e A Estrada.

A inscrición no Correlingua 2023 está xa dispoñíbel a través do seu portal web.

Comentarios