8F/POLAS FILLAS DOS NOSOS FILLOS

Marcos Maceira: “Podemos reverter o proceso de substitución do galego”

A “forza da xente” para superar o “odio á lingua do goberno de Feixóo e o Partido Popular”. O presidente da Mesa, Marcos Maceira confiou na súa intervención na Quintana na posibilidade de reverter a grave situación da lingua. 

DSC_0125
photo_camera Marcos Maceira

A praza da Quintana a rebordar demostraba que cada vez son máis as persoas “conscientes” da necesidade de reverter o proceso de substitución do galego. Así o dixo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira que confiou na “forza da xente” para superar o “odio á lingua" do goberno de Feixó e do Partido, no seu primeiro discurso nunha manifestación nacional polo galego desde que é presidente da MNL. 

“Non queremos unha lingua a tempo parcial, señor Feixó, a nosa é unha lingua enteira. Tan lingua como o español, aínda que sen as 500 disposicións legais que o amparan”

“A pesar do odio á lingua do goberno de Feixó e do Partido Popular, a pesar dos limites ao galego que impuxo co decretazo, a pesar dos prexuízos que volveu sementar por terra, mar e ar”, dixo Maceira, hai milleiros de “pais e nais que se preocupan todos os días de usaren o noso idioma co orgullo de saber que é o mellor legado que poden deixar ás súas fillas e fillos, o do amor polo que son: galegos e galegas”. Por iso, desdixo o presidente da MNL a afirmación e Feijóo de que son os pais e nais as culpábeis da situación do galego. “ Culpábeis de actuaren a favor do galego, falándoo, nun ambiente onde o español é omnipresente”, dixo, pola contra, diante da “irresponsabilidade” do presidente da Xunta que queima libros de texto e agasalla con 300 mil euros a Enrique Iglesias en lugar de investir os cartos en dobraxe ou axudas á tradución, enumerou. 

“Feixó non ten responsabilidade, por iso impuxo un decretazo que reduce drasticamente a presenza do galego e o prohibe en materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía, contra a opinión unánime de pais e nais, profesorado e estudantado, ou máis recentemente despediu sen escrúpulos todo o profesorado que impartía os cursos CELGA”, destacou Maceira arredor de dous dos eixos da política lingüística de Feijóo que máis mobilizacións e actos de protesta teñen convocado. 

“Onde está a oficialidade do galego?”

“Onde está a oficialidade do galego? Onde está o dereito a empregarmos o noso idioma coa administración pública, se o funcionariado, grazas a Feixóo, non precisa demostrar unha capacidade mínima de se expresar en galego? É oficial unha lingua na que non existen impresos en ningunha administración dependente do Estado?”, preguntouse Marcos Maceira para quen os datos do último estudo do IGE son só exemplos da tendencia á que o goberno está a conducir o galego. 

“Todos os avances para a nosa lingua foron conquistas da sociedade galega, todos favoreceron outros avances sociais”

“Non queremos unha lingua a tempo parcial, señor Feixóo, a nosa é unha lingua enteira. Tan lingua como o español, aínda que sen as 500 disposicións legais que o amparan”, defendeu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística que lamentou, máis unha vez, que, pola contra, o Plan de Normalización Lingüística sexa “papel mollado” para o goberno da Xunta. 

Un idioma que une

Diante das numerosas faixas e bandeiras de distintas organizacións, con multitude de siglas e lendas de organizacións políticas, asociacións ou colectivos, o presidente tamén de Queremos Galego, plataforma que une a máis de 600 entidades, afirmou que “queremos galego porque o galego une” e porque “queremos unha Galiza feita desde nós, para nós, sen filtros, sen distorsións, sen deturpacións, sen ocultacións”, para o que fitou a atención na existencia de medios de comunicación na nosa lingua. “Todos os avances para a nosa lingua foron conquistas da sociedade galega, todos favoreceron outros avances sociais”, engadiu Marcos Maceira, quen rematou lembrando que é preciso continuar coa loita polo galego: “por nós mais especialmente polas fillas dos nosos fillos, porque temos e teñen dereito a un futuro digno”. 

Comentarios