Marcos Maceira cualifica as marchas de "éxito multitudinario polo galego"

O novo presidente da Mesa pola Normalización Lingüistíca, Marcos Maceira, destacou o gran traballo nos días previos ás mobilizacións 

Marcos Maceiras en Santiago
photo_camera Marcos Maceiras en Santiago

“Un éxito multitudinario polo galego”. O recén elixido presidente da Mesa pola Normalización Lingüistíca, Marcos Maceira, valorou así as mobilizacións neste Día das Letras Galegas. Na súa primeira gran cita ao fronte da maior asociación cultural da Galiza, Maceira resaltou “a forza da xente a favor da lingua, dende abaixo, dende o traballo de base fronte ao desprezo cara ao galego que mostran as institucións e o Goberno do PP”.

Milleiros de galeg@s saíron simultaneamente este sábado ás rúas de oito cidades galegas para reivindicar o seu idioma. “O pobo demostrou unha vez máis que a loita pola lingua está moi presente na sociedade galega, a pesar do que diga a propaganda”. O presidente da Mesa destacou o gran traballo feito nos días previos á xornada por centos de organizacións e persoas, que se agruparon un ano máis na plataforma cidadá Queremos galego!.

“O que se fixo nestes días superou con creces as nosas expectativas, o que amosa que a lingua se mantén viva”, afirmou Maceira. O obxectivo era “multiplicar por oito” a presenza das mobilizacións, polo que se rompeu coa centralidade de pasadas edicións. “A situación económica complicaba que a xente se achegase a Santiago, pero sobre todo tiñamos a necesidade de achegarnos ás principais cidades de todo o país”.

O sucesor de Carlos Callón anticipou que o vindeiro paso da Mesa será continuar coa denuncia “pola vulneración de dereitos lingüísticos na Galiza” ante a Unesco. A asociación tenta sumar esforzos e apoios para recuperar unha declaración elevada ante o mesmo órgano en 1954. “Porque loitar pola lingua é loitar polo país”, sentencia Maceira. 

Comentarios