Estrea de ‘Tosta’, o documentario das linguas minorizadas do Atlántico europeu

Proxectarase esta terza feira no Teatro Colón da Coruña, ás 20:00 horas. Tamén se presenta o libro ‘Unha guía imperfecta’, que ofrece unha proposta práctica para axentes culturais que traballan en proxectos internacionais e queren promover prácticas de xestión respectuosas coas linguas minorizadas.

tosta a mesa

Coincidindo coa celebración esta terza feira do Día europeo das linguas, o Teatro Colón da Coruña acolle a proxección dun documentario que narra a experiencia de encontro pola diversidade que xuntou culturas da costa atlántica europea, ‘Tosta’. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e a delegada na Coruña Celia Armas, xunto coa vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presentaron a iniciativa.

A Mesa é a representación galega neste proxecto, promovido dentro da programación de Donostia 2016, Capital Europea da Cultura..

“Tosta reivindica a diversidade lingüística desde o punto de vista das linguas minorizadas. O proxecto puxo en valor a diversidade coa participación de sete países con linguas minorizadas”. Irlanda, Gales, Escocia, Cornualles, Frisia, Galiza e Euskal Herria.

Protagonismo

Marcos Maceira salientou o éxito do proxecto Tosta á hora de mostrar “os problemas e a proximidade que teñen todas estas linguas en situación de minorización”. En canto ao libro que agora se presenta, Maceira fixo fincapé en que é o “resultado práctico do que se viu no desenvolvemento dunha iniciativa en que as linguas que estaban minorizadas tiveron o protagonismo”.

O proxecto terá continuidade con motivo da conmemoración da Capital Europea da Cultura en Leeuwarden, Frisia, “en que estará de novo presente a lingua galega que é,a mellor maneira de dar a coñecer a nosa música,  paisaxe ou literatura”.

A preguntas sobre a situación do galego a respecto doutras linguas minorizadas que participaron en Tosta, Maceira apuntou que “se nos comparamos co córnico estamos mellor porque estaba practicamente desaparecido mais hoxe conseguiu ter falantes, é dicir, sumar, fronte a nós que estamos a ver como diminúen. En comparanza co bretón, estamos en mellor situación ao ter lexislación na materia. Mais o galego éa única lingua do Estado que non ten dereitos básicos elementais para utilízalo no ámbito do consumo, que si teñen catalán e éuscaro”. 

Comentarios