A Pluralidade lingüística do Estado reclama os seus dereitos no Congreso

Organizacións que traballan pola normalización de linguas minorizadas do Estado reuníronse na mañá desta terza feira coa presidenta da Cámara, Meritxel Batet, e con representantes de PSOE, Unidas Podemos, BNG, EHBildu, ERC, JxC, CUP, Compromís, EAJ-PNV e Más Madrid.

Congreso pluralidade lingüística

"Queremos poder vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán". A frase resume a mensaxe que esta terza feira levaron ao Congreso as representantes de organizacións que traballan pola normalización lingüística do galego, o euskara, o catalán e o asturiano. Delegacións que tamén reclamaron “compromisos concretos” para defender e garantir os “dereitos lingüísticos” de toda a cidadanía.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua; Francesc Marco, da Plataforma per la Llengua; Inaciu Galán, de Iniciativa pel Asturianu; e Laia Maurí, de Escola Valenciana, demandaron eses "compromisos concretos" coa defensa dos dereitos lingüísticos á presidenta do Congreso, Meritxell Batet e a representantes de PSOE, Unidas Podemos, BNG, EHBildu, ERC, JxC, CUP, Compromís, EAJ-PNV e Más Madrid.

"40% da poboación do Estado fala unha lingua diferente do español, mais non pode facer moitos trámites necesarios”

Lembraron aos representantes políticos que, malia os compromisos adquiridos a nível internacional como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias ou a Declaración Universal de dereitos lingüísticos e da cooficialidade nalgúns territorios, "o Estado español non quixo adaptarse á diversidade lingüística e limitouse a un recoñecemento máis teórico que práctico e partindo, sempre, da superioridade do español a todos os níveis".

“Disciminación”

Marcos Maceira lembrou que en 2020 a administración do Estado obriga a cidadáns a usar o castelán para facer trámites obrigatorios como o pago de impostos, multas ou taxas.

Denunciou o "racismo lingüístico" que supón crer que hai comunidades superiores con linguas superiores. "40% da poboación do Estado fala unha lingua diferente do español, mais non pode facer moitos trámites necesarios. A propia páxina do Congreso está en inglés, mais en ningunhas das linguas cooficiais", recordou.

"Queremos poder vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán", afirmaron as e os representantes das entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado. "Non queremos especial respecto e protección (CE art. 3.3), senón o mesmo tratamento a todos os niveis nos nosos territorios. Nin máis nin menos".

Por este motivo, lembraron, irromperon en Madrid en plena campaña electoral para presentaren o documento de compromisos Pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia.
 

“A propia páxina do Congreso está en inglés, mais en ningunhas das linguas cooficiais"

Os axentes sociais cren que se dan as condicións adecuadas para dar un xiro no que atinxe á garantía dos dereitos lingüísticos da cidadanía. “Por isto fixemos unha proposta con seis compromisos concretos que se poden levar a cabo desde mañá mesmo, se realmente existir unha vontade política” .

Ademais, os axentes sociais coidan que os compromisos marcados na súa proposta foron avalados tanto nas Recomendacións do Comité de Ministros como nas do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no último informe sobre o seu cumprimento por parte do Estado.
 

Comentarios