A plataforma dos bonos activa comercio prescinde do galego

A aplicación informática de acceso para descargar os descontos, xestionada por Abanca, só conta coa pantalla inicial en lingua galega. Unha vez iniciado o proceso a lingua única pasa a ser o castelán.

Publicidade dos bonos comercio da Xunta da Galiza (Xunta da Galiza).
photo_camera Publicidade dos bonos comercio da Xunta da Galiza (Xunta da Galiza).

O galego volve a estar ausente nunha das campañas máis importantes da Xunta da Galiza. O programa de bonos desconto para consumir no comercio prescinde, na súa plataforma dixital, prescinde del unha vez iniciado o proceso de petición a través de internet.

Esta campaña prevé mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros. Segundo datos facilitados pola propia Consellaría de Industria este pasado sábado, máis de 117.000 galegos e galegas xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

A petición dos bonos en castelán

Os clientes interesados teñen que rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal para poder descargar os bonos. Unha vez solicitado o bono a plataforma pasa ao castelán sen contar coa opción de escoller o galego.

A iniciativa da Xunta conta con dez millóns de euros que, neste caso, xestiona Abanca. Unha das condicións para acceder a este contrato é ter oficinas abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes da Galiza. Ademais, ten que manter algunha colaboración financeira coa Administración galega nos dous últimos anos, á marxe doutras obrigacións propias dos contratos públicos.

Non figura na convocatoria

Segundo o Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado 22 de marzo, as entidades bancarias que optaran a xestionar estes bonos deberían “entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis adecuadas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa” ademais de permitir “ter un seguimento, control e trazabilidade da emisión dos bonos, o seu troco nos comercios adheridos e pago dos mesmos”.

Ademais deben “ter operativas a plataforma e/ou aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da orde de convocatoria do programa” así como “utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo en todos os soportes físicos e dixitais”.

Na convocatoria, asinada polo Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, non figura a obrigatoriedade de empregar o galego malia ser lingua oficial.

Comentarios