As 'placas intelixentes' de Murcia falan galego

A cidade española, dentro do seu plan de 'smart city', incorpora códigos NaviLens nas placas das rúas, que poden ser lidas a gran distancia e sen necesidade de encadrar ou enfocar, e ofrecen información multimedia.

placas_intelixentes
photo_camera As 'placas intelixentes' poden ser lidas cun móbil a gran distancia e permiten incluír información en múltiples idiomas (Concello de Murcia)

O galego é un das 33 linguas incluídas nas 'placas intelixentes' que a cidade española de Murcia comezou a instalar nas rúas para ofrecer aos viandantes ─enfocando co teléfono móbil─ información multimedia como imaxes e vídeos, enlaces, frechas de guiado en realidade aumentada e contido audíbel e locutado integrado con VoiceOver e TalkBack.

Ademais do galego, os contidos tamén están dispoñíbeis nas outras tres linguas oficiais no Estado: o castelán, o catalán e o éuscaro. Completan a lista de 33: o alemán, o árabe, o búlgaro, o checo, o chinés mandarín, o coreano, o danés, o finlandés, o francés, o grego, o hebreo, o hindi, o húngaro, o inglés, o islandés, o indonesio, o italiano, o neerlandés, o noruegués, o polaco, o portugués, o romanés, o ruso, o sueco, o tailandés, o turco, o ucraíno e o vietnamita.

En total, xa se instalaron por toda a cidade un total de 659 destas 'placas intelixentes', 88 placas na zona céntrica, na contorna da súa Catedral, 62 en placas históricas e 510 no perímetro da súa muralla medieval.

Navi Lens e 'smart cities'

Neste contexto, Murcia é a primeira cidade do mundo que incorpora nas placas das súas rúas os códigos NaviLens, un sinal dixital baseado nuns códigos de cores, que permiten coa súa lectura obter información contextualizada dun lugar en distintos formatos e idiomas, incorporando imaxes históricas do lugar ou planos da época.

A principal innovación destes códigos, a diferenza dos códigos QR, é que poden ser detectados a moita distancia, o que permite situalos a grande altura.

Ademais, non necesitan ser enfocados nin encadrados no móbil e, polo tanto, poden ser utilizados por persoas con discapacidade visual.

As 'placas intelixentes' fan parte do proxecto smart city da cidade. No noso país, arredor dunha ducia de cidades, como Pontevedra ou Lugo, traballan en proxectos de smart city ("cidade intelixente").

Comentarios