LINGUA

“Pensei que este tipo de xente xa non existía”

Adela Figueroa, a denunciante das funcionarias galegófobas

“Pensei que este tipo de xente xa non existía”

Tivo que soportar como dúas funcionarias públicas da Xunta se negaban a atendela en galego, con respostas como ““Yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego” ou enxalzaban o franquismo diante súa. Adela Figueroa recoñece que non é a primeira vez que ten problemas nunha administración por pedir, como lle garante a lei, o dereito a ser atendida en galego.

Adela_Figueroa_

-Que sentiu neses momentos, cando a resposta á petición a esas empregadas públicas de que lle falasen en galego derivou en menosprezo e mesmo apoloxía do franquismo?

-Era algo totalmente absurdo, parecían dúas persoas [estas funcionarias] sacadas dun cómic, xa pensei que este tipo de xente non existía. Notei que sobre todo una delas tentaba humillarme.

-Coñecíaas ou tivera algún problema con elas anterioremente?

-Non, non as coñecía de nada.

-Non houbo ningunha persoa funcionaria neses momentos que intervise?

-Estaban alí os dos servizos xurídicos que estaban escoitando todo, mesmo unha das funcionarias se levantou para ir xunto a eles. Eu despois fun falar con eles e respondéronme que aquilo non ía con eles.

-Foi á delegación da Xunta a pedir información sobre estatutos de clubes de montañismo….

-A funcionaria que me atendeu deume una documentación e preguntábame cousas como para que quería todo aquilo. Eu amabelmente pedín se podía atenderme en galego. Foi entón cando comezou todo, púxose bastente violenta.

-Anunciou que ía denunciar o acontecido…

-Xa o fixen, mandei a queixa a todos os estamentos oficiais, á Xunta, á Xunta de Persoal, ao Valedor do Pobo, ao secretario do presidente da Xunta…

-Confía en que esta denuncia teña algún tipo de efecto?

-Xa me chegou que o delegado da Xunta de Galiza en Lugo recibira esa queixa e que ía investigar o que aconteceu. Recoñece publicamente que eu tiña dereito a ser atendida en galego.

-Pasoulle esta situación algunha vez máis nunha administración?

-En Pontevedra, nunhas dependencias municipais, hai uns catro ou cinco anos. A funcionaria que me atendeu pedinlle amabelmente se podía contestarme en galego. Maia a súa reacción foi dicirme que ela era española e que non tiña por que falarme en galego e que tiña dereito a falarme español porque estaba en España. Desa vez non presentei queixa, preguntei en alto se había alguén que me puidera atender en galego e ofrecéronse dúas rapazas novas que estaban traballando alí, rapazas coas que xa falara antes e dirixíranse a min en castelán.

Creo que o persoal funcionario debería ser máis consciente de que o galego é un patrimonio moi importante que hai que preservar. Deberían ter máis empatía co administrado e se este fala galego, responderlle en galego por propia iniciativa. De todos xeitos, quero destacar que a gran maioría das funcionarias fan un traballo espléndido pero si que no idioma poderían ter un pouco máis de empatía. Se eu falo galego e me responden en castelán é como se estivesen poñendo unha distancia. Se entre todos non defendemos o galego, o galego vaise.

-Estamos lonxe de que nas administracións públicas haxa un respecto aos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes?

-Estamos lonxe, moito, dunha normalización lingüística real.

comentarios