As páxinas web pioneiras do .gal comezarán a funcionar o 25 de xullo

A Asociación puntoGAL presentou esta sexta feira www.dominio.gal a primeira páxina web baixo o dominio da Internet para Galiza. 

Imaxe: puntoGAL
photo_camera Imaxe: puntoGAL

A Asociación puntoGal presentou a primeira web baixo o dominio .gal, (www.dominio.gal), un espazo no que se explica os prazos e criterios que rexen o dominio de internet. O Día da patria, 25 de xullo, comezarán a funcionar as webs pioneiras do .gal. No acto de presentación estivo presente, entre outros, o presidente da Asociación, Manuel González, e o da Xunta, Núñez Feijóo.

Programa Pioneiros: dende o 1 de xuño ao 25 de xullo

O novo portal explica os prazos e os criterios que rexen o lanzamento do .gal. Así, dende o 1 de xuño a Asociación aceptará candidaturas para o Programa de Pioneiros. Durante o mes de xuño recibiranse propostas e a Asociación seleccionará, baseándose en criterios de visibilidade e notoriedade, até un máximo de 90 Nomes Pioneiros.

“Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na Rede o 25 de xullo. Os pioneiros terán a vantaxe de poder publicar webs baixo o .gal catro meses antes co resto, gozando dunha maior visibilidade”. PuntoGAL publicará todos os detalles do Programa de Pioneiros (prezos, etc.) dentro de 15 días, o 1 de xuño, cando xa se poderá solicitar participar nesta fase.

Abrente e Carreira: en paralelo dende setembro até novembro

A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até novembro e busca protexer dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima a comunidade galega.

Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para as direccións que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por direccións especialmente atractivas.

Fase Aberta: o dominio para todos en decembro

E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións. As condicións e características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina indícase a fórmula para consultar e solventar dúbidas.

Comentarios