Palabras con memoria: xogando sempre

buxaina xogo

castro de man.- Xogo infantil que consiste en conseguir aliñar tres pedriñas, impedindo á vez que o/a contrincante o faga (tres en raia).

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).

Fonte.- Mar Llinares García.

escurrimpela.- Pedra lisa pola que os rapaces xogan a escorregar; tobogán.

Lugar de escoita.- Esteiro (Muros).

Fonte.- Estevo Urbano Caamaño Castro.

follatos.- (Ademais de significados xa rexistrados) Cartas sen valor nos xogos de naipes.

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

pisimpón.- Carátula da caixa de mistos para xogar aos pisimpóns. O xogo consiste en lanzalas dende unha determinada altura e se a de un/ha cae riba das demais o/a lanzador/a pode quedar con todo o que toque o seu.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

rebaldeixe.- Variante do xogo das lombas. Xogo consistente en pinchar un dos participantes por riba doutro, que está agachado, apoiándose coas mans no seu lombo.

Lugar de escoita.- Angudes (Crecente).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

tendollo.- Premio ofrecido que mantén expectante ao seu posíbel receptor.

Lugar de escoita.- A Merca (Ourense).

Fonte.- Lois Cendón.

Comentarios